Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Amigos de aprender

11:15 25/07/2009

Vai agora para quince días que lle asistimos na Casa Grande do Bachao ao acto público no que o noso vieirista compañeiro Pablo García Martínez quedou investido como nova promesa literaria do país no premio Biblos. Aló, o Pablo agasallounos co seu fluído verbo gaiteiro, repartiu agradecementos, fixo defensa orgullosa da lingua e de paso deixounos un golpe de poderosas reflexións vitais.

Das tales frases, achégolles unha: "Eu son moi amigo de aprender", dixo o Pablo.

Tan estimulante reflexión humana debera xa ser, por si soa, e máis en curral de cultureo, motivo para premio extra. Eu téñoa moi presente agora mesmo, compartíndolles estas liñas xa metidos en Día da Patria, un 25 de xullo ao que chegamos con anuncio de apocalipses, desastres, ameazas, involucións e desfeitas varias. Un Día de Galiza ao que moitos chegan, como quen di, á defensiva.

E mal recomenda é, cavilo eu, virmos deste vestir pesimista a unha data que seica toca adicar á festa maior do país. A década na que andamos pechando comezara con Fraga de apostólico delegado, cerrando con reseso ton un discurso no que apelaba á axuda santa para levar "a buen puerto" no "Reino de España" a imperfecta obra humana. Outros dous protagonistas políticos daquel momento: en Rianxo, Touriño preguntábase cando chegaría ao "curruncho" galaico o cambio xeracional "que merece"; e na Quintana, o Beiras furaba contra a "invernía política en tempo de verán".

Parecería entremedias que nada pasou. Fitando nesta altura algunhas faces desoladas e cus desencaixados do sillón, un arriscaría a pensar que non houbo cambios históricos polo medio nas institucións, que a sociedade non se axitou en formas e voces que nunca antes fixera, ou que no país non agromaron temperamentos, persoas e proxectos dignos de aplauso. Pero todo iso si aconteceu. Vivimos episodios alentadores e reconfortantes que merecen quedar gravados na memoria e acomodados na equipaxe do ánimo. Porque son o alicerce das conquistas aínda pendentes. A semente do futuro. Ou é que non aprendemos nada?

Por sorte, velaí veñen xeracións novas, bravas e co sangue a ferver e o peito ardendo de gañas de seguir cambiando as cousas. Non o esquezan os apocalípticos. Eles son "amigos de aprender", un lema de grande alento á hora de botarse á batalla. Xornadas como esta son boas para reparar en que algo se aprendeu polo camiño e poñer en valor as tales aprendizaxes. Se cadra iso serviría para que algúns deixasen de xogar á contra e tomasen a iniciativa de construír país no canto de laiárense porque seica llelo están desfacendo. Oian: o país non se fai só nas corredoiras de San Caetano. E bo sería guindarmos a botella das frustracións e ver se temos unha patria de vaso medio cheo. Un chisco de optimismo creativo no Día de Galiza oh!

Xa o din algúns vellos, os menos: Estamos nun tempo miserable, que se eu non o alabo non hai que o alabe.

Comecei falándolles dun arzuán promesa das letras, a quen a mocidade non lle escatima sabedoría e é quen de suxerir por exemplo. Mañá: primeiro día en pé.

En pé logo.

E de aquí nun ano.

4,96/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: