Nas liñas seguintes tratarei de achegar unha pequena faragulla sobre o que na véspera do 1M viña sendo a vaga de desilusión fomentada entre os seus polos que tiñan o sillón, e doutro lado pola marea de entusiasmo inxectada nos seus polos agora saídos vencedores. Cando escoito agora de refundacións entre as forzas que marchan á oposición penso en como se farán na práctica. Pecharse nun cuarto os mesmos de sempre a meterse de navalladas como pelandráns e que lideren os que saian sangrando menos? Outra opción é resumir: estes somos nós e isto é o que nos une e co que queremos ilusionar. E a partir de aí abrírense á sociedade, enchouparse de realidade, estabelecer novas formas de relación coa cidadanía e facer por enrolar para o traballo activo a cantos máis mellor, coa súa diversidade de voces e propostas. Do que escollan, quen sabe, dependerá se cadra o futuro dun país.
Se cadra, unha reedición do bipartito pola mínima, agónica e decepcionante, impediría a axitación, redeseño e catarse de cabeciñas que tanto lle cumpría ás dúas fracasadas formacións políticas.
Eu fun dos que criticou a tentación de apelar ao abstencionismo na última hora que pareceu promulgar o PPdeG. Pero a estratexia inicial de Feijoo foi moi diferente. Por exemplo, o daquela líder da oposición comezou o relevo fraguiano cunha apelación valente e sen complexos á mobilización cidadá. Unha arriscada e ambiciosa campaña de afiliación. Concello a concello, con aquela estratexia do "Hai partido, xogamos?". Mentres moitos riron con displicencia, a pé de rúa andaron Feijoo e os seus tres anos e medio, con ánimo e paciencia, escoitando a xente, vendendo proxecto, buscando recrutar simpatizantes e militancia, de introducir sangue nova nun partido de enferruxadas estruturas. Sen medo a que esa avalancha de novos carnés, cada un de seu pai e súa nai, puidese facer cambalear vellas guardias e moverlle o marco aos máis acomodaticios. O resultado máis tanxíbel: milleiros de afiliados novos e unha inédita tendencia da mocidade a apoiar o PP, estatisticamente impensábel durante lustros.
Algunha vez preguntei no contorno de socialistas e nacionalistas por que, e máis cando tiñan poder en tantas prazas, non facían PSdeG e BNG, poñamos por caso, campañas de afiliación con esa mesma dobre intención: sumar, refrescar e introducir seiva nova nas estruturas internas de base e á vez difundir mensaxe e captar simpatía e simpatizantes máis ou menos activos. As respostas e correspondentes conclusións son dramáticas e paradigmáticas: medo a afectar os equilibrios de poder repartidos entre os de sempre.
Na beira do PSOE xa tiñan abondo co alistamento para tarefas gobernativas dun bo abano de independentes, mal catalizado por un touriñismo pouco diplomático e con exceso de soberbia. Resultado: decepcións para os recén chegados e desencanto de moitos veteranos. Así se mantivo a tensión, entre algúns cristiáns vellos e outros novos, todos coidando de que non lles moveran o marco das súas leiriñas.
No lado do BNG a cousa era aínda máis complicada. Entre o reseso núcleo que veu movendo os fíos notaríase mellor esa tripla división que lle dá título a este artigo, segundo o grao de belixerancia fronte aos que non comungasen con esa estratexia interna: ou comigo ou contra min. Dunhas e outras bandas vimos garapaldos e inxusta dureza nos máis próximos, moitas veces tratados como inimigos.
Por todo isto, cando escoito nas formacións políticas esas tan necesarias chamadas á refundación pregúntome das receitas prácticas que se poñerán en marcha.
Pecharse nun cuarto os mesmos de sempre a meterse de navalladas como pelandráns e que lideren os que saian sangrando menos?
Outra opción é resumir: estes somos nós e isto é o que nos une e co que queremos ilusionar. E a partir de aí abrírense á sociedade, integrar sensibilidades, enchouparse de realidade, estabelecer novas formas de relación coa cidadanía e facer por enrolar para o traballo activo a cantos máis mellor, coa súa diversidade de voces e propostas. Do que escollan, quen sabe, dependerá se cadra o futuro dun país.
Roberto Noguerol naceu en Chantada en 1976. É Xefe de Redacción de Vieiros. Mantén a bitácora No andaime. »