Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Eu pretexto

09:35 27/02/2009

Voulles confesar neste tempo de entroidadas, que é cando con máis confianza vimos falar das cousas serias, que eu sonlles moito de estudar o santoral. E entre San Blas, patrono a invocar en atragoamentos imprevistos, e San Antonio, patrón comodín contra andazos e males de aire, cando quero quedar de repunante en auditorios como este que aquí me brindan, un dos meus preferidos é o santo Maquiavelo. Xa saben, aquel homiño florentino que dicía, poñamos por caso, que é da maior importancia disfrazar as propias inclinacións e desempeñar ben o "papel de hipócrita". Víñame o asunto á mente roendo, en compaña de bos amigos, nunha grandilocuente epístola que veu a axitar os escenarios mediáticos en tempos recentes.

E é que miren vostedes, eu son dos que penso que a sociedade galega xa amosou ben forte e claro a súa capacidade de protestar. Galiza vai moi por diante das alporizadas arengas dalgúns fabricantes de admonicións. O noso país botou lustros protestando. E fíxoo no medio da indiferencia dos altofalantes máis privilexiados e sufrindo da censura dos que teñen a soberbia de autodefinirse agora como a parte máis vital da sociedade. Téñolles boa nova para os recén chegados á causa da protesta. O país de verdade, a pé de rúa, non só protestou, senón que meteu as mans no chapapote, tomou a iniciativa, botou a quen considerou oportuno e votou a quen estimou merecedor. Galiza xa non só protesta, agora tamén actúa. Síntollelo ben aos vendedores de apocalipses e aos nostálxicos de tempos onde todo era máis predicíbel e a ambición do día seguinte só estaba permitida se ía en beneficio dos de sempre.

*Mal que lles pese a arrogantes patróns, alquimistas do papel, Celidonios vidos a menos e vaidosos poderes fácticos, Galiza mence dun día para outro sendo un país mellor, un país máis normal. E xa o facía cando algúns predicadores aínda non aprenderan a conxungar o verbo protestar e xa a sociedade fervía en ideas, cocía queixas e esixencias e deseñaba accións e respostas. Agora que aprenderon a deletrear "obviedade", se teñen algunha idea para mellorar o país, aquí agarda Galiza a que a compartan con todos.

Fronte á abstención: presión e sentidiño

Xa compartín con vostedes antes de agora, en leas de precampaña, a miña preocupación pola proliferación do atallo da anécdota e a demagoxia, tan fácil como perigoso. Repítome: Unha estratexia onde todo vale e onde a distorsión interesada da verdade que se difunde un día non é corrixida ao seguinte. Non vexo escusa sólida para que determinados partidos e poderes fácticos apelen a ese abstencionismo que lles devolva aos desaloxados do poder os privilexios dos que gozaron décadas.

Para ben ou para mal, as campañas electorais poden ser entre outras cousas síntese de valores e idearios das formacións políticas e mesmo catalizadores onde descubrir ou introducir fortalezas e capacidades a explorar e relanzar na imaxe dun partido. É de agardar que nun momento no que a atención mediática é máxima e o interese cidadán está un chisco por riba da media habitual, os políticos afinen estratexia, aparquen improvisacións e fagan un esforzo adicional. E por desgracia, é ben certo que, mágoa, algunhas forzas políticas xogaron a tratar os cidadáns como simple gando electoral, o exemplo ben máis claro chega da emigración.

Pero esta Galiza está ben máis preparada ca nunca para exercer o castigo coa elegancia da sabedoría. Mesmo se manteñen o poder, as forzas que sustentan o Goberno xa teñen nesta altura, deberan ter, asumida a realidade da derrota. Mesmo cando as urnas lles concedan a prórroga doutros catro anos, a rúa lanzou xa advertencia contra a estratexia de afastamento da Galiza real na que incorreron en momentos e asuntos clave. E á vez, a pé de rúa habemos ser conscientes dos buratos que lles deixamos para que se tomasen eses ousados atrevementos. Galiza é máis *activa e participativa*. Racháronse tabús e gañáronse transparencias. Por iso, e pensando en que desde a apelación ao Nunca Máis até o Galiza non se Vende, nunca tanta semente reivindicativa e creativa agromara, eu nesta altura estou convencido de que a resposta non é quedar na casa o 1 de marzo como algúns protestadores oportunistas suxiren.

Paradoxalmente, unha alta porcentaxe da xente que en Galiza se achega ás urnas para decidir quen envían a quentar escano a Madrid, queda na casa cando se trata de decidir aquí os representantes do noso país para o noso Parlamento.

Cómpre virar esa tendencia. As urnas teñen que ser un chanzo decisivo. Do branco ao negro hai moitos matices e cores onde elixir. Protesta? Onde ela vai... Agora é quenda de apertar as caravillas. Toca voto, democracia, acción.

4,83/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: