Desde o pasado 25 de agosto, a Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA) conta cun novo membro, Honduras, trala suscrición en Tegucigalpa do tratado de adhesión deste país centroamericano, en presenza dos mandatarios de Venezuela, Nicaragua, Bolivia e o vicepresidente primeiro cubano Carlos Lage.
Concibida desde 2004 como plataforma de integración hemisférica destinada a frear a expansión comercial do ALCA propiciado por Washington, o ALBA defende un mecanismo de integración social e combate á pobreza. Con Honduras, son seis os países asinantes deste marco de integración: Venezuela e Cuba como principais propulsores, aos que se engadiron posteriormente Bolivia, Nicaragua e a República Dominicana.
A viraxe hondureña
Así as cousas, o presidente hondureño, Manuel Zelaya, considera oportuno o modelo de integración plasmado no ALBA, especialmente dende a perspectiva enerxética, tomando en conta a potencialidade petroleira venezolana a través de mecanismos de integración enerxética como é PETROCARIBE. Para o presidente venezolano Hugo Chávez, principal activo e propulsor do ALBA, o ingreso hondureño significaría tamén o avance rexional da súa proposta e unha “evidente derrota para o imperialismo estadounidense”.
Non obstante, o ingreso hondureño debe ser ratificado agora polo seu parlamento, onde a oposición ao presidente Zelaya é notoria e abertamente contraria a este tratado. Diversos sectores empresarias, sociais e políticos hondureños consideran que o ingreso deste país no ALBA afectará seriamente ás relacións con EEUU, principal socio comercial, que recibe o 89% das exportacións hondureñas e onde habita unha importante comunidade emigrante dese país.
Pero a actual viraxe de Zelaya cara o ALBA non supón o único problema para o seu goberno, liderado polo Partido Liberal e apoiado por diversos sectores sindicais, campesiños e indíxenas. O alza da criminalidade e da inflación neste país centroamericano ven dando paso a fortes manifestacións contra Zelaya, quen pasa actualmente polo seu nivel de aprobación mais complicado desde que chegara ao poder no 2006.
Neste sentido, pódese intuír o espallamento dun maior nivel de polarización sociopolítica, ante o ingreso hondureño no ALBA e o achegamento de Zelaya a Chávez. O mandatario hondureño foi anteriormente convidado polo seu homólogo nicaragüense Daniel Ortega á celebración en Managua do 30º aniversario da revolución sandinista, un xesto significativo tomando en conta que, durante os anos oitenta do século pasado, Honduras albergou aos grupos “contras” financiados por Washington para acabar co goberno sandinista de Ortega.
Con estes pasos, Zelaya semella manifestar unha maior inclinación cara o “socialismo bolivariano” impulsado por Chávez, amortecendo así a tradicional orientación pro-estadounidense de Tegucigalpa en anos anteriores, principalmente fraguada coa suscrición de acordos de libre comercio con Washington a partir de 1995.
Unha conxuntura complexa
Non obstante, compre observar as conxunturas políticas internas dos principais países que forman parte do ALBA, a fin de determinar diversas variables que permitan outear a consolidación deste marco de integración hemisférico.
Venezuela apréstase a unha decisiva contenda electoral a finais de novembro, cos comicios para alcaldes e gobernadores, que moi seguramente modificarán dun xeito significativo o mapa político venezolano para os próximos anos. Resulta notoria a radicalización do pulso entre o recén constituído Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) liderado por Chávez e o mosaico de partidos opositores, aínda non agrupados dentro dunha plataforma unitaria.
Pola súa banda, o presidente boliviano Evo Morales acaba de obter un resoante triunfo no referendo revogatorio do pasado 10 de agosto, lexitimando a súa presidencia incluso con índices superiores ao triunfo electoral do 2005. Non obstante, os prefectos dos departamentos autonómicos orientais tamén revalidaron a súa lexitimidade política tras este referendo, escenario que anuncia unha maior radicalización sociopolítica de cara á aprobación electoral da nova Constitución o próximo mes de setembro. Neste sentido, Bolivia asiste na actualidade a diversos enfrontamentos violentos entre partidarios e opositores a Morales.
Non menos convulsa é a situación en Nicaragua, onde as manifestacións contra Ortega son cada vez maiores, principalmente polas acusacións de presunto “autoritarismo político”, o alza dos prezos alimentarios e a aprobación, vía Corte Interamericana de Dereitos Humanos, das denuncias de presunta violación por parte da filla adoptiva de Ortega.
Esta conxuntura, salpicada tamén pola polémica diplomática entre Nicaragua e Colombia polo presunto apoio de Ortega á guerrilla das FARC así como doutras reclamacións marítimas, levaron a que esta semana o mandatario nicaragüense ameazara con retirar o seu país da Organización de Estados Americanos (OEA).
A influencia de Chávez
A pesar da manifestación de diversas crises políticas nos países membros do eixe do ALBA, o ingreso hondureño evidencia como esta alternativa de integración segue a manifestar un notorio avance hemisférico, especialmente de cara a países con baixos niveis de desenvolvemento económico e social. Neste sentido, un posible novo socio a mediano prazo para o ALBA o pode constituír Paraguai, tomando en conta a sintonía política entre Chávez e o mandatario paraguaio Fernando Lugo.
Lugo asegurou recentemente a Chávez que o Senado do seu país aprobará o próximo mes de setembro o ingreso venezolano no MERCOSUR, decisión paralizada desde 2007 polo anterior goberno de Nicanor Duarte. Paralelamente, Chavéz asinou con Lugo diversos convenios de colaboración petroleira.
Así, aumenta a influencia petroleira e política de Chávez en América do Sur, América Central e o Caribe, tomando en conta que Guatemala acaba de asinar o seu ingreso en PETROCARIBE, aumentando así a catorce os países beneficiados por este mecanismo de integración enerxética impulsado dende Caracas.
Esta influencia de Chávez e a expansión do ALBA pode consolidarse en 2009, cando O Salvador realice comicios presidenciais, onde o esquerdista Mauricio Funes, da ex guerrilla Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN) lidera as enquisas e o favor electoral. Funes amosa unha posición política simpatizante con Chávez e os seus proxectos do ALBA e PETROCARIBE.
Neste pulso por América Central e o Caribe, Chávez gaña espazos de influencia que amortecen a diplomacia de México e Colombia, destinadas a impulsar o antigo Plan Puebla Panamá, agora reconstituído como Plan Mesoamérica, como mecanismo de integración en materia de infraestruturas. Tanto México como Colombia son activos impulsores da ampliación do ALCA en América Latina.
Con Honduras no ALBA e o afondamento de relacións con Paraguai, Chávez segue ampliando o seu pulso hemisférico con EEUU, con variables non só limitadas ao avance do ALBA, PETROCARIBE ou PETROSUR senón dentro da configuración de novas alianzas xeopolíticas, enerxéticas e militares con países como Rusia, China, Belarús, Siria e Irán.
Neste sentido, o decidido apoio de Chávez a Rusia na recente crise armada con Xeorxia e EEUU evidencia tamén esta postura cardinal do mandatario venezolano de crear bloques xeopolíticos no área internacional destinados a conter a hexemonía estadounidense. En América Latina, o pulso de Chávez e o ALBA xa constitúe unha clara realidade neste sentido.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »