Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Os desafíos do Frente Amplio

16:53 26/10/2009

A pesar de non obter a maioría absoluta, quedando cunha votación do 46,6%, a vitoria nas eleccións presidenciais do Frente Amplio (FA), coa candidatura de José “Pepe” Mujica, confirma a consolidación desta plataforma de esquerdas como o principal partido político no escenario uruguaio.

    Non obstante, a votación do domingo 26 esperta reaccións encontradas no FA. A diferenza das eleccións de 2004, o FA quedou agora sen maioría absoluta e coa perda da súa hexemonía parlamentaria, o cal anuncia un escenario complexo para os próximos catro anos. A falta de definirse a elección presidencial nunha segunda volta electoral ou ballotage, o panorama luce unha paridade de forzas políticas e electorais entre o FA e a dereita liberal e conservadora.

    Cunha participación do 90%, o definitivo pulso electoral uruguaio se definirá a través do ballotage o próximo 29 de novembro, con Mújica afrontando a posibilidade de que a dereita conservadora retorne ao poder, ante a perspectiva, oficialmente xa confirmada, de que o segundo candidato máis votado, o ex presidente Luis Alberto Lacalle, do Partido Nacional (que obtivo un 29,1% da votación) recibirá os votos e o apoio do terceiro en discordia, Pedro Bordaberry, do Partido Colorado, quen alcanzou o 16,9%

    Esta posibilidade de conxunción dos votos de Bordaberry a favor de Lacalle esixirá a Mújica e a FA dar curso a unha ampla política de seducción electoral de cara á celebración desta segunda volta, asumindo que un factor decisivo pode estar na atracción do voto dos indecisos e no fortalecemento moral dos seus partidarios, a través dunha activa mobilización electoral da esquerda, persuadida ante a posibilidade de perder o goberno.

    Tanto como non lograr alcanzar a maioría absoluta, un escenario altamente previsible antes dos comicios do pasado 25 de outubro, o FA recibiu sendas derrotas tácticas nos dous referendos celebrados paralelamente aos comicios presidenciais: a non aceptación electoral de acabar coa polémica Lei de Caducidade, que deixa impunes os crimes aos dereitos humanos cometidos durante a ditadura militar (1973-1985) e o rexeite para aprobar o voto por correo, que permitiría á diáspora uruguaia participar con solvencia nos procesos electorais dende o exterior.

    Estes factores definirán un novo escenario para o FA que, moi seguramente, determinará unha maior implicación electoral do presidente Tabaré Vázquez, cuxos índices de popularidade superan o 60%, de cara ao ballotage. Pero esta posibilidade pode tamén acrecentar as xa de por si dúbidas existentes en torno á real capacidade de Mújica para gañar a segunda volta e converterse no próximo presidente.

Por iso resulta moi probable que, de cara ao próximo 29 de novembro, Tabaré se converta no foco principal e na “estrela electoral” da campaña presidencial de Mújica, eclipsando ao candidato da FA. Un recurso de última hora que permita ao FA acometer a arremetida electoral da dereita no ballotage e conservar así catro anos máis de goberno. Aínda que, desta vez, cun escenario político menos favorable ao ser despoxado da maioría parlamentaria.

3,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...