O anuncio do movemento islamita Hamas de aceptar un acordo de reconciliación con Al Fatah, a asinarse en decembro, abre diversas perspectivas en Palestina, especialmente agora que o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas, anunciou que non se presentaría para outro mandato, adiantando para xaneiro de 2010 as eleccións internas na ANP.
Este acordo Hamas-Al Fatah tivo unha marcada implicación doutros actores externos, como Exipto, Turquía e Siria, que mobilizaron as súas pezas para propiciar o achegamento. Os intereses exipcios poden explicarse ante a necesidade de aliviar a dramática situación en Gaza provocada polo illamento internacional e a fortaleza de Hamas, que repercute en territorio exipcio ante o aluvión de refuxiados palestinos a través do pechado paso de Refah.
Pola súa banda, Turquía está levando a cabo unha activa realpolitik de implicación en Oriente Próximo, achegándose con contactos directos cara Irán, Siria e Hamas, que están irritando a EEUU e Israel, os seus tradicionais aliados militares. O recente anuncio turco de suspender exercicios militares con Israel mentres apoiaba o programa nuclear iraniano e anunciaba exercicios militares conxuntos con Siria, acrecentou eses temores en Washington e Tel Aviv sobre o súbito cambio de orientación de Ankara.
De ser así, e co aval exipcio e turco, Hamas tentaría suavizar a tensión existente desde 2007, cando materializouse a división xeopolítica entre Cisxordania dominada por Al Fatah e a illada Gaza baixo dominio de Hamas.
Pero probablemente o factor decisivo que persuadiu Hamas a aceptar este acordo foi a renuncia de Abbas a competir por outro período presidencial. O movemento islamita acusa constantemente á “vella garda” de Al Fatah de corrupción e colaboración co inimigo israelí. Unha decisión que pode tamén manifestarse polas presións das bases militantes de Al Fatah e das novas xeracións que reclaman o seu peso dentro do espazo político palestino.
Pola súa banda, resta considerar cómo reaccionará o goberno dereitista israelí de Benjamín Netanyahu, máxime nun momento en que volve a subir a tensión de cara ao programa nuclear iraniano, ante as presuntas probas misilísticas de Teherán con oxivas nucleares. O presidente estadounidense Barack Obama tenta seguir disuadindo a Netanyahu a abrir maiores perspectivas de negociación cos palestinos, así como persuade a Tel Aviv a non acelerar os seus anunciados plans de ataque contra as instalacións nucleares iranianas.
Pode que o anuncio do acordo entre Hamas e Al Fatah contribúa a deseñar unha nova estratexia de cara ao estancado proceso de negociación con Israel. Neste caso, se os ventos de concordia semellan sobrevoar lixeiramente Palestina, pode deberse á conmemoración do quinto aniversario da morte de Yasir Arafat, un factor simbólico que favorecería esta súbita e aínda incerta reconciliación.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »