Amarante censura as rebaixas de dereitos laborais, salarios de saldo e despreocupación da Unión Europea neste ámbito.
Campaña Roupa Limpa / Imaxe: Amarante
O xigante coruñés Inditex e a empresa ourensá Adolfo Domínguez celebraron esta semana as súas respectivas xuntas de accionistas. A xeito de protesta, a Campaña Roupa Limpa, que ten adquirido participacións co obxectivo de contar con voz nestas citas, decidiu non asistir a estas convocatorias. Un xesto que trata de chamar a atención sobre o que consideran que é unha "falta de avances serios e reais" de ambas as dúas empresas no respecto aos dereitos dos milleiros de traballadores, a maioría mulleres, vencellados ás súas cadeas de produción.
O colectivo Amarante, promotor en Galiza da Campaña Roupa Limpa, aproveita así para demanda que as empresas cumpran co respecto aos dereitos humanos na súa actividade e que publiquen a lista de provedores como parte das súas políticas de transparencia. Tamén esixen que se garantan salarios dignos (traballadoras dos xigantes do téxtil en Bangladesh cobran por exemplo o salario mínimo legal, 16,60 euros, cantidade que non é abondo para que coma todos os días unha familia media de catro persoas).
Ao tempo, os activistas esixen que os gobernos estatais non lle outorguen subvencións a empresas que non demostren o cumprimento dos dereitos humanos laborais. Tamén reiteran a petición de que se estabeleza un marco internacional de regulamento, cun organismo supraestatal que vixíe, sancione e enfronte os abusos cometidos polas empresas do sector.