Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise de Attac

A privatización das caixas: paradoxal premio para os culpábeis da crise

A plataforma cidadá denuncia a "coalición de facto PSOE-PP-CiU" para erosionar as caixas e lanza unha campaña a prol da creación dunha banca pública.

Redacción - 12:05 12/07/2010
Tags: Attac caixas

"Resulta patético ver tanto o decreto que a gran coalición de facto PP-PSOE-CiU preparan, como que o presidente do goberno [español] manifeste como algo positivo excluír os representantes dos cidadáns, elixidos democraticamente, da xestión das caixas de aforros e, por tanto, dunha parte importante da economía". Así de contundente se expresa a plataforma cidadá Attac ao respecto do recente anuncio de 'decretazo' para a modificación do marco lexislativo estatal sobre as caixas de aforros.

Un furado no perfil público das caixas que ataca directamente o verdadeiro espírito que impulsou o nacemento destas entidades. "As caixas en orixe foron o banco dos pobres, do campesiñado, dos artesáns, os obreiros e obreiros, e dos pequenos negocios locais", expón Attac, agoirando que de saír adiante o decreto anunciado polo goberno español, as caixas rematarán convertidas en bancos.

Banca pública imprescindíbel
O consello científico de Attac deseñou unha proposta, presentada recentemente no propio Congreso, coa que pide avanzar cara á creación dunha banca pública. Unha iniciativa que consideran fundamental para garantir a estabilidade financeira e a recuperación da actividade económica e o emprego. Entenden desde Attac que a maioría destas entidades están "próximas á creba técnica", froito dos manexos de xestores irresponsábeis e "oligarquías locais e provinciais do ladrillo". Neste contexto, recoméndanlle ao executivo estatal que apriveite a "oportunidade histórica" para recuperar a titularidade e xestión públicas "e dar pasos efectivos cara á recuperación dunha banca pública cada vez máis necesaria".

Non actuar deste xeito, advirten, implica favorecer os que iniciaron o "casino económico que agora rebentou". Unha actitude das administracións que só favorecería a análise dos expertos ortodoxos e neoliberais que con seu apoio entusiasta á burbulla inmobiliaria puxeron en perigo a creba ou en creba real a bancos e caixas de todo o Estado". "Son os mesmos que provocaron o peche do crédito poñendo a economía real en serio perigo, arruinando a pequenos emprendedores e negando préstamos a particulares", censuran.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: