Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Malia estar a fusión en marcha

O Constitucional tamén anda con revirichos na lei galega de caixas

Levanta a suspensión sobre oito preceptos da lei e mantenos noutros tres. Para o PP confírmase que o recurso á lei foi "político". O BNG insta a aplicala xa.

Redacción - 18:00 06/07/2010
Tags: caixas TC

Con Caixa Galicia e Caixanova xa definindo os detalles do confirmado proceso de fusión entre as dúas entidades chega novidade ao respecto da lei galega de caixas desde o Tribunal Constitucional (TC). Segundo a resolución coñecida esta terza feira, e que responde á petición da Xunta e do propio Parlamento de Galicia de que se revisase a suspensión cautelar estabelecida semanas atrás, o TC acorda levantar esa suspensión sobre sete dos preceptos da lei e mantelos en tres.

"Nunha situación de crise das caixas resulta imprescindíbel que a lexislación estatal básica na materia atope unha aplicación inmediata sen obstáculos, pois a urxencia na adopción de decisións é de capital importancia para evitar a inestabilidade dos mercados financeiros", expón o TC no documento. Xa que logo, entenden os xuíces que a autorización autonómica fixada como chanzo necesario diante das decisións do Banco de España, por exemplo a de eventuais alianzas co modelo de Sistema Institucional de Protección (SIP), é obstaculizadora. Interpretan que tal intervención podería "interferir" nos "intereses xerais" do sistema financeiro estatal.

O PP ve probado o recurso "estritamente político"
Para o grupo parlamentario do PP, o auto do TC que levanta a suspensión sobre a maioría da lei de caixas "ratifica que o goberno de Zapatero presentou un recurso estritamente político contra a dita lei, tal como denunciara e reiterara o PPdeG".

O vicevoceiro do PPdeG na Cámara, Pedro Puy, entende que queda probado que o goberno español fixo un "uso abusivo" da súa prerrogativa ao forzar a suspensión. Nesa liña, acusa o PSdeG de seren "cómplices" e de aplaudiren un acto que supuxo "vulnerar o autogoberno" de Galiza. Para Puy mantense en suspenso simplemente "un apartado dun artigo e dúas frases adicionais", atrancos para os que, subliña, "non hai un problema de interpretación, senón simplemente de redacción" e para cuxa reforma, indica, "xa se chegara a un acordo na Comisión Bilateral Xunta-Estado".

Días atrás, e logo de que transcendera a intención do TC de levantar a suspensión sobre a norma, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, xa opinara, no mesmo sentido que o do goberno español tratábase dun "recurso claramente político que teimaba en atrasar a fusión das caixas". Nese sentido instaba a Xunta a aplicar de xeito inmediato a lei de caixas. "Penso que a partir de agora haberá que aplicar a lei na súa integridade e renovar os órganos das caixas e que motivos de oportunidade política non poden impedir que unha lei aprobada polo Parlamento Galego entre en vigor e se aplique", afirmou Aymerich.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: