Amarante denuncia a falta de compromiso dos gobernos internacionais na erradicación destes territorios libres de impostos.
“Os paraísos fiscais son outro xeito de especulación e de fuga de capitais utilizados pola industria financeira, mentres a maior parte da poboación vive días de austeridade e o aumento do desemprego como futuro máis probábel”. A organización solidaria Amarante quere rebelarse ante esta realidade e puxo en marcha unha campaña na rúa coa que denunciar a falta de compromiso dos gobernos de todo o mundo na eliminación destes paraísos fiscais.
En concreto, en Compostela e en Vigo, os activistas repartiron este martes información ao respecto vestidos con roupa de praia baixo o lema 'Este verán ven a un paraíso fiscal'. Deste xeito chamaron a atención sobre “a falta de seriedade das institucións financeiras que continúan obtendo beneficios a pesar da situación de recesión, como o Banco Santander que en 2009 aumentou as súas ganancias nun 0,7%”. Denuncian “os abusos da banca convencional, que especula cos xuros das persoas aforradoras e recibe grandes cantidades de cartos das arcas públicas para compensar as súas perdas”.
Os paraísos fiscais en cifras
Segundo a OCDE e a Tax Justice Network, a cifra de paraísos fiscais pode ir dende os 40 até os 72 países, algúns deles próximos a Galiza, como Xibraltar ou Andorra. Ademais, o valor de perdas por evasión a paraísos fiscais ascenden, segundo estas estatísticas, a 250 mil millóns de dólares. Pola contra, o número de persoas en situación de pobreza aumentan de mil millóns a 1.400 millóns (segundo os datos do Banco Mundial).