As brigadas propias, que se crearan hai nove anos, están a ser desmanteladas: non se cobren vacantes e non reciben o material preciso.
En 2001, a Xunta de Galiza creou as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais, no marco do Plan de Defensa contra Incendios de Galiza (Pladiga). Cada brigada estivo composta durante estes anos por dous axentes forestais especializados por distrito, que estaban dotados de medios e material para adicarse exclusivamente á investigación en coordinación coa fiscalía. Porén, dende que o PPdeG asumise o Goberno, a CIG denuncia o desmantelamento deste servizo.
Na actualidade, Medio Rural non está a cubrir as vacantes dos axentes. Asemade, a CIG denuncia que “os que quedan están a sufrir a retirada de material específico para o seguimento de indicios e a recollida de probas, non se convocan cursos de formación continua e hai unha total falta de coordinación coa fiscalía”. Explican que, se ben segundo a normativa todos os axentes forestais poden realizar investigacións, ante o grande número de incendios que hai en Galiza e o pequeno número de axentes forestais faise necesaria a especialización.
A Policía Nacional asume ese cometido en exclusiva
Estes labores de investigación están agora a ser asumidos pola Policía Nacional, un extremo que mesmo confirmou a Xunta. No propio Pladiga recóllese a coordinación das brigadas cos corpos de seguridade do Estado tanto para a propia investigación como para a detención do presunto incendiario, mais os traballadores denuncian que os pasos dados polo Goberno apuntan a que estes corpos asumiran en exclusiva estas tarefas.
Deste xeito, a CIG pregúntalle á Xunta polas súas intencións futuras: “Non é esta unha eliminación clara dun servizo público?; Vanse negar a cubrir as vacantes de axentes forestais? Van seguir a retirar material e medios aos axentes que conforman a día de hoxe as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais? Van eliminar as brigadas que eles mesmos crearon?”