Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Di que pode acudir ao fondo se o necesita

Ambigüidade de Merkel ao respecto da febleza da economía do Estado Español

Alemaña e Francia van propoñer na próxima xuntanza do G20 a introdución dunha taxa bancaria ás transaccións nos mercados financeiros.

Redacción - 10:45 15/06/2010
"Como de grave é a situación financeira de España?", analiza o Frankfurter Allgemeine este martes baixo unha imaxe da bolsa

"Como de grave é a situación financeira de España?", analiza o Frankfurter Allgemeine este martes baixo unha imaxe da bolsa

Había expectación por ver o pronunciamento público desde o goberno alemán ao respecto do presuntamente necesario plan de rescate europeo para a economía do Estado Español.

Recordámoslles que a prensa alemá veu insistindo en que existía un plan de salvamento neste sentido non feito público aínda, e que desde a Comisión Europea se negou esta posibilidade e mesmo se acusou o executivo alemán de alentar estas "especulacións". Alén da lebre que soltou o Frankfurter Allgemeine, e na que insisten este martes, outros diarios súmanse á análise e mesmo agoiran un escenario máis grave, como é o caso de Der Spiegel, que prognostica unha creba do sistema financeiro, bancos e caixas, do Estado Español, con forte impacto en toda a economía da Unión Europea.

"España como calquera outro país pode acudir ao fondo de rescate se fose necesario", afirmou esta segunda feira a chanceleresa Angela Merkel, ao fío destas informacións, concedendo apenas que se trataría de "rumores". "O importante é que hai un fondo de rescate para toda a zona euro", subliñou, insistindo en que este fondo está a disposición de calquera outro socio membro da UE que o necesite. Así e todo, advertiu Merkel diante do que definiu de "profecías que poden autocumprirse".

Estratexia franco-alemá
Merkel facía estas declaracións despois dunha reunión co presidente francés, Nicolás Sarkozy, con quen acordou diversos puntos cara a unha estratexia común na vindeira xuntanza do G20 no Canadá.

De xeito específico, Alemaña e Francia acordaron defender a introdución dunha taxa bancaria que grave as transaccións nos mercados financeiros. Nesa liña, os dous líderes políticos subliñaron a súa decepción polos frouxos avances na negociación de medidas concretas para a regulación dos mercados financeiros. Para Merkel e Sarkozy, esta taxa sería un extra de fondos que no caso de conxunturas de crise evite tocar a caixa pública con medidas que zoupan nas políticas sociais.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: