Na procura de liquidez a entidade fusionada proxecta desinvestimentos por valor de até 8 mil millóns.
A solicitude definitiva será formalizada antes do próximo 30 de xuño, mais este luns Caixa Galicia e Caixanova, no marco da negociación dos últimos fíos para a súa fusión, aprobaron o documento inicial para o seu plan de integración. O texto presentado ao Banco de España expón a necesidade de obter 1.162 millóns de euros do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), malia que os números finais do proxecto poderían varias en función da propia negociación co organismo regulador durante os próximos días.
A entidade fusionada prevé un plan de desinvestimentos na liña da actuación que xa viñan realizando as dúas entidades por separado coa finalidade de engraxar as súas contas con operacións como a venda de cota en R (no caso de Caixanova) ou en Fenosa e Galp (no caso de Caixa Galicia). Alén dese plan de desinvestimentos, segundo explican, a reestruturación deseñada polas entidades baséase na reordenación da rede comercial. Dese xeito, o solapamento de oficinas levará ao peche de até 300, a maioría (arredor de 200), en Galiza. Afirman ademais que o "excedente" de plantilla será de 1.200 empregados e que poderá ser resolto "integramente a través da fórmula das prexubilacións".
Subliñan que a nova caixa liderará o mercado financeiro galego e que se consolidará como a quinta caixa a nivel estatal, manexando un volume de negocio por riba dos 90 mil millóns de euros.
Anteriores: