Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REFORMA LABORAL

O goberno español propón reducir o custe do despedimento sen abaratalo

Os eixos son: maiores facilidades para que as empresas se acollan a causas económicas e subvención do despido.

Redacción - 18:00 10/06/2010

Despois de que fracasasen as negociacións entre patronal e sindicatos para sacaren adiante unha reforma laboral de consenso, todas as miradas se dirixen agora ao goberno español, que aprobará o texto o próximo mércores 16. Alén das acusacións cruzadas entre uns e outros que eluden responsabilidades ao tempo que acusan ao contrario de atender a intereses espurios en troques de asumir un camiño necesario para a saída da crise, este xoves transcendeu a última proposta presentada na mesa de negociación polo Ministerio de Traballo.

Segundo un documento filtrado ao xornal El Pais e repicado nos diferentes medios de comunicación, o último texto presentado polo goberno español (previsibelmente na mesma liña que o que finalmente se aprobe) incide en tres eixos fundamentais: a contratación indefinida, a redución do custe do despido a través da subvención estatal e mudanzas na flexibilidade interna empresarial, de xeito que as empresas o teñan máis fácil para acollerse a causas económicas para prescindir de traballadores ou modificar a súa situación laboral.

Despedimento subvencionado
Segundo se desprende do texto, o obxectivo do executivo estatal é que a contratación indefinida sexa a norma e que se reduza a temporalidade. Nesa liña se manifestou o presidente Rodríguez Zapatero este xoves: “queremos reducir o esforzo e o custe do despedimento sen que os traballadores perdan dereitos”. Precisamente é o custe do despedimento unha das principais novidades do esquema de seis puntos que o goberno español presentaba na xuntanza de diálogo social.

Traballo buscou unha “vía intermedia” para reducir as cantidades que pagan os empresarios ao prescindir dos seus traballadores, pero sen rebaixar as cantidades (de 45 días, 33 ou 20) que estes perciben. A solución que propoñen, sempre segundo o borrador achegado por El País, é que o Estado financie a través de Fogasa (Fondo de Garantía Salarial) unha parte das indemnizacións (oito días), sempre que os despedimentos se deban a razóns económicas. Até o de agora, Fogasa só se facía cargo dos despedimentos obxectivos de empresas con menos de 25 traballadores.

Facilidades para acollerse a causas económicas
O outro eixo fundamental do documento, que se sustenta en seis puntos, é a chamada “flexibilidade interna”. Trátase de darlle facilidades ás empresas para que poidan acollerse ao despedimento por causas económicas (ten unha indemnización de 20 días por ano fronte aos 45 días do despedimento improcedente). Deste xeito, redúcese o custe que teñen que pagar os empresarios que, actualmente, non se acolle en moitas ocasións á redución de cadro de persoal por causas económicas (xa con 20 días de indemnización recoñecidos) polas trabas administrativas que, agora, se reducirían de vez.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: