PSdeG e BNG denuncian que o PP "truca" o urbanismo. O conselleiro de Política Territorial di estar satisfeito co balance da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
O PP opta por soster un goberno "con tránsfugas pagados con subornos urbanísticos", os concelleiros do PP son declarados culpábeis de suborno e o ex alcalde do PP, Carlos Silva, condenado por prevaricación urbanística e cunha sentencia pendente por falsidade documental e prevaricación, ten unha dedicación exclusiva concedida polo presidente da Deputación de Pontevedra cun salario de 75 mil euros.
Subliñábao esta cuarta feira a coordinadora da área de Territorio do grupo parlamentario do PSdeG, Mar Barcón, cualificando de "indecencia política" e "trama de escuros intereses" o acontecido en Gondomar e recordando a moción de censura que lle dei a volta a un goberno lexítimo e que "a día de hoxe non foi denunciada polo PP". Barcón reprochou os "ataques" realizados no seu día polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e o PP "contra o rigor dos fiscais" pola posta en marcha do xuízo de Gondomar e advertiulles que o tempo demostra quen estaba no certo.
Denuncia da erosión da APLU
De paso, a deputada socialista laiouse da modificación dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), lamentando a súa perda de competencias, os cambios unilaterais na estrutura directiva e o "intento de control partidista". Para a coruñesa trátase de exemplo dos "froitos da ilegalidade, irresponsabilidade e a avaricia". "O seu obxectivo é encher os petos, sen que lles importe o ben común, a defensa do patrimonio, a protección do territorio e o cumprimento das normas", censurou Mar Barcón.
No mesmo sentido se pronunciou a voceira do BNG na área de Urbanismo, Teresa Táboas, quen recordou a posta en valor da Axencia que se produciu coa chegada do bipartito ao poder e criticou a viraxe acontecida co regreso do PP á Xunta. Táboas lembrou a actividade realizada pola APLU durante a lexislatura anterior e pediulle explicacións ao conselleiro de Política Territorial, Agustín Hernández, pola presunta frouxa actividade sancionadora da Axencia desde a súa toma de posesión.
Pola súa banda, Agustín Hernández criticou que PSdeG e BNG trasladasen a idea de que a APLU se converteu nun "apéndice do PP" e defendeu que o organismo é na actualidade "máis eficaz e rigoroso". Insistiu o conselleiro en que a Axencia paralizou máis de medio cento de obras no que vai de ano, promoveu 65 expedientes de demolición e iniciou 13 sancións por infracción en materia urbanística.