Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Actuacións fiscais "disparatadas"

En tempo de crise Facenda céntrase nos máis febles

O propio colectivo de técnicos de Facenda denuncia que o ministerio investiga os colectivos máis prexudicados pola crise no canto de ir a polos "grandes defraudadores".

Redacción - 13:00 04/06/2010

Un feixe de actuacións fiscais "disparatadas" que zoupan con máis gravidade entre a cidadanía na actual conxuntura de crise. É a avaliación que fai o Colectivo Especial de Técnicos da Facenda Pública (GHESTA), sobre o que está acontecendo a nivel estatal. Opinan os técnicos que en boa lóxica o Ministerio de Economía e Facenda, na procura de traballar en favor do equilibrio das contas públicas, debera loitar máis eficazmente contra a economía mergullada e contra os grandes defraudadores.

Pola contra, denuncia GHESTA, Facenda teima en poñer a súa lupa sobre os colectivos máis prexudicados pola crise e á vez por favorecer recortes nos servizos sociais. Un paradoxo nun Estado Español que ten unha das maiores bolsas de diñeiro negro da Unión Europea "equivalente o 23,3% do PIB, o que supón que 245 mil millóns escapan ao control do fisco anualmente".

Poderían recadarse 38 mil millóns máis ao ano
Consideran os técnicos de Facenda que se o executivo estatal actuase na liña en que eles propoñen, aumentando a marxe de manobra dos traballadores do fisco na loita contra a fraude, a economía escura podería reducirse en pouco tempo en até dez puntos porcentuais, conseguindo levala ás cifras de Francia ou Alemaña.

En números concretos isto implicaría, segundo avalía GHESTA, uns potenciais ingresos de 38 mil millóns de euros máis cada ano. Un procedemento que "permitiría rectificar absurdas situacións". Por este motivo, GHESTA enviaralles a próxima semana un documento ao respecto destas propostas aos grupos con representación parlamentaria no Congreso. Trataríase de modificacións específicas nas leis de IRPF e do Imposto de Sociedades.

"Disparates" que zoupan en 138mil desempregados, divorciados e empresas
Explican os técnicos de Facenda que o que está a acontecer en Galiza, entre outros, con máis de 138 mil desempregados, divorciados e empresas en creba, é exemplo da estratexia "equivocada, inxusta e ineficiente" que está impulsando o goberno español.

Unha estratexia que pon o punto de mira paradoxalmente nalgúns dos sectores máis prexudicados pola crise. É o que acontece cos máis de 130 mil desempregados galegos que en 2009 cobraron prestacións. Nestes casos, o límite para non estar obrigado a declarar o IRPF baixa desde os 22 mil aos 11.200 euros. Por outro lado, poñen o exemplo de persoas que perden a vivenda por non poder pagar a hipoteca. Se o prezo da poxa ou a débeda, incluídos os intereses moratorios e costas supera o prezo escriturado da vivenda, Facenda considera que "o desaloxado obtivo unha ganancia patrimonial" e esíxelle entre o 19 e o 21%. Os técnicos advirten doutro "filón" nos máis de 7 mil casos de separacións e divorcios producidos en Galiza: cando o ben principal da parella é a vivenda hipotecada, logo de que o cónxuxe que queda coa vivenda pida un préstamo para pagarlle a metade á ex parella, Facenda considera tamén "ganancia patrimonial" e reclama entre un 19 e o 21%.

De paso, GHESTA sinala que as situacións "disparatadas" tamén lle afectan a máis de mil empresas galegas, sociedades que entraron en proceso concursal o ano pasado e que no caso de chegar a un acordo con quita aos acredores, xa que non poden enfrontar a débeda, Facenda imputa de igual modo un beneficio a distribuír en varios exercicios que tributa no Imposto sobre Sociedades. Outro exemplo de situación "absurda", critican.


3,29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: