A execución da hipoteca sobre a remodelación dun hotel de luxo que a entidade galega mercou en 2006 ao US Century Bank centra o litixio con Merco Group.
A hipotética fusión das dúas caixas do país centrou boa parte da información económica dos últimos meses, ficando na maioría dos casos eclipsada ou cando menos marxinada unha análise máis profunda da xestión realizada de Caixanova e de Caixa Galicia durante a época de bonanza.
A entidade do norte, por exemplo, continúa a recoller os froitos envelenados dos seus negocios inmobiliarios no estranxeiro. Así, o xornal económico estadounidense South Florida informa este luns do litixio en que está inmersa por culpa dunha hipoteca que lle mercou ao US Century Bank en 2006, ano en que Caixa Galicia abría a súa primeira oficina en Miami.
E en Miami é que asumiu o crédito da empresa local Merco Group para financiar a remodelación do The Grand Bay (actualmente Coconut Grove), un hotel de luxo, o primeiro de cinco estrelas da rexión, famoso por albergar actores e políticos na década de 1980.
O Coconut Grove foi pechado por Merco Group en abril de 2008 co fin de facer unha renovación. Seis meses despois os traballos pararon sen se rematar, e o edificio ficou vulnerábel ás inclemencias do tempo. Segundo unha reportaxe do South Florida, o inmóbel está ruinoso.
Foi primeiro Caixa Galicia, en xullo do ano pasado, que presentou unha demanda de execución de hipoteca de 40 millóns de dólares (uns 32 millóns de euros ao cambio actual) contra Merco Group.
Mais a compañía estadounidense, que afronta outras demandas deste tipo e posúe varios hoteis na zona, denunciou á súa vez a entidade galega, que acusa de deixar esmorecer o proxecto ao lle cortar a liña de crédito de xeito inxustificado. Caixa Galicia decidiuno facer alegando que a propiedade perdera o valor previamente estimado.
Perto de 100 millóns de euros
Merco Group pola súa banda defende que afrontou a renovación contando co crédito prometido. Na actualidade, calcúlase que farían falla polo menos 15 millóns de dólares (12 millóns de euros) para rematar os traballos e volver reabrir nun ou dous anos, mais a empresa pídelle á caixa nos xulgados 120 millóns de dólares (perto de 100 millóns de euros) polas perdas ocasionadas.
Segundo explica South Florida, cando en 2006 Caixa Galicia asumiu o crédito "o banco estaba a aproveitar a burbulla inmobiliaria en España e estabelecera unha franquía en Miami que realizara grandes empréstitos en Florida Sur. Moitos deses proxectos están agora parados".
Máis información: