Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entrevista en Vilaweb

Un tenente coronel "irritado e insultado" polo centralismo español

Antoni Vila Aliana, alto oficial do exército español, explica por que votará "si" á independencia no referendo que esta fin de semana celebra Sabadell.

Redacción - 11:00 27/05/2010

"Irritado, decepcionado e insultado polo mal trato que recibimos os cataláns". Así afirma sentirse Antoni Vila Aliana, tenente coronel do exército do aire, durante unha entrevista en vídeo co diario catalán Vilaweb.

Na altura dos seus 61 anos, e membro do exército desde os 16, Vila Aliana reside na actualidade en Sabadell, a quinta cidade en canto a número de habitantes en Cataluña, e que esta fin de semana terá a súa quenda no camiño de referendos que organiza a plataforma cidadá Coordinadora per la Consulta.

Falta de respecto pola identidade catalá
"Sufrimos a humillación do centralismo español", analiza o militar que, especializado na reparación de compoñentes de avións e helicópteros, ten viaxado co exército español por diversos destinos en todo o mundo, incluído Iraq, Somalia ou Afganistán. "Esta xente de España, de Salamanca, Burgos, Soria, Segovia, Ávila, estes centralistas están aínda no século XIX, e algún mesmo na época dos reis católicos", di Aliana e engade: "Pagamos impostos que van parar a España, e o mínimo que podemos pedir é que nos respecten e que respecten a lingua, o catalán, a nosa lingua materna".

Na súa opinión é xustamente esa falta de respecto unha das cousas que contribúe en Cataluña ao ascenso do independentismo nos últimos anos. "Este independentismo é porque os cataláns estamos moi enfadados con España polo maltrato que hai", di. Ao fío, comenta que ten atopado "comprensión" respecto das súas ideas dentro do exército: "Agora saben que España é diversa", mais apunta, "hai quen querería que todo fora España e en castelán, e iso non pode ser".


5/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: