Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CRISE: CAUSAS, SOLUCIÓNS E FUTURO

Carme Freire: 'As liberalizacións á ultranza só benefician os grandes poderes'

"Temos que librar esta loita contra os grandes poderes e cada día somos máis"

Redacción - 11:00 26/05/2010

CARME FREIRE.- É secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG). Milita no sindicato nacionalista dende mediados dos 80. Enxeñeira técnica agrícola e forestal, entrou a formar parte da Executiva Nacional do SLG en 2003.

a) Por que temos a actual situación de crise?
Basicamente obedece á política económica neoliberal, que favoreceu aos grandes especuladores mentres prexudicou gravemente á xente do común, que somos os que imos sufrir os recortes. Agora vai ser o diñeiro público o que compense as perdas duns poucos, mentres que as clases produtivas (obreiros, labregos, mariñeiros) imos ter que pagar o fracaso do sistema neoliberal.

b) Cales poden ser as solucións?
A resposta pasa polo cambio de modelo económico. Un exemplo no eido gandeiro exemplifica perfectamente o que estou a dicir: nestes días a Unión Europea deulle luz verde a un acordo de libre comercio con Latinoamérica que permitirá venderlle o leite a aqueles países. Con cartos públicos de todos os europeos foméntanse as exportacións das multinacionais, o que provoca, dunha banda, o afundimento da gandaría daqueles países e, da outra, a destrución dos gandeiros de aquí, que se verán na obriga de vender o leite a un prezo moi baixo, para que sexa competitivo fóra. As liberalizacións á ultranza só benefician aos grandes poderes, sexa no ámbito que sexa. A solución, neste caso, é a soberanía alimentaria: cada zona do mundo debería producir para a súa cidadanía: non se pode traficar coa alimentación, como non se pode traficar coa propia vida. Chegou o momento no que apartar ás multinacionais, porque unha vez teñan destruído todo o noso tecido produtivo, terán a chave das nosas vidas.

c) Cal cre que será o futuro?
Eu teño que ser optimista, porque por iso participo dunha organización social. Creo que isto que estamos vivindo está a crear unha conciencia e a loita estámola a dar no mundo enteiro. Cada día máis, a sociedade demanda solucións e négase a contribuír á destrución dunha forma de vida. Temos que librar esta loita contra os grandes poderes e cada día somos máis.


4,64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: