O organismo internacional tamén recomenda revisar con premura o sector bancario.
O Fondo Monetario Internacional aplaude a decisión do goberno español de recortar 15 mil millóns de gasto público nos vindeiros 18 meses mais considera que son precisas máis medidas de choque. O organismo internacional recoméndalle ao executivo de Rodríguez Zapatero acometer con certa urxencia unha profunda reforma do mercado laboral, das pensións e do sistema bancario.
A instititución cre que a crise pode ser aínda máis perigosa no Estado Español debido a "un mercado laboral disfuncional, unha burbulla inmobiliaria que se desinfla, un elevado déficit fiscal, un endebedamento exterior e do sector privado, un crecemento da produtividade anémica, unha baixa competitividade e un sector bancario con síntomas de febleza".
A 'receita' do FMI chega cando no Estado Español se debaten os duros reaxustes no gasto públicos aprobado polo Consello de Ministros. A tensión entre as organizacións sociais e o goberno vai en aumento xa que este último quere consensuar unha reforma laboral antes de que remate o mes.
O executivo de Rodríguez Zapatero estaría disposto a "flexibilizar" o mercado laboral xeralizando a indemnización máxima por despedimento improcedente a 33 días por ano traballado (fronte aos 45 actuais). Dende a patronal consideran que, ademais desta redución, é preciso ampliar as causas de despedimento procedente. Enriba da mesa tamén estaría un maior protagonismo das ETTs como intermediarias entre traballadores e patróns.
Por último, o goberno español tampouco aclara se vai retomar o debate sobre a reforma do sistema de pensións, tal e como agora lle está a pedir outra vez o FMI. O debate estaría na posibilidade de ampliar a 67 anos a idade de retiro e a exixir un mínimo de 20 anos cotizados (fronte aos 15 actuais) para ter dereito a unha pensión contributiva.