Fernández Toxo sinalou que dende estes momentos o seu sindicato xa traballa conxuntamente coa UXT "coma se este país fose vivir unha folga xeral".
O recorte de salarios na administración pública, a conxelación das pensións, os atrasos na Lei de Dependencia e agora a inminente reforma laboral están a provocar fortes debates nas organizacións sindicais. A posibilidade dunha folga xeral no Estado Español, a primeira dende 2002, escóitase cada vez con máis forza e xa está enriba da mesa das executivas dos principais sindicatos. O detonante da protesta xeralizada pode ser sen dúbida a “flexibilización” do mercado de traballo que o executivo de Rodríguez Zapatero quere ter aprobada en cuestión de semanas e que está disposto a acometer de maneira unilateral.
O secretario xeral de Comisións Obreiras, o ferrolán Ignacio Fernández Toxo, deixou moi claro este venres que ou hai cambios radicais na política do executivo español ou o paro laboral xeralizado será unha realidade. Fernández Toxo sinalou que dende estes momentos o seu sindicato xa traballa conxuntamente coa UXT “coma se este país fose vivir unha folga xeral”.
Pero pouco despois, o secretario de Acción Sindical da UXT, Toni Ferrer, subliñou en conferencia de prensa que xa se está a barallar a posibilidade de que o vindeiro martes 8 de xuño o paro convocado na administración pública se complemente con mobilizacións en todas as cidades se se impón unha reforma laboral non consensuada.