Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ALBERTO RAMOS PRESENTA NOVA NOVELA

“As historias de intriga son un anzol para pillar novos lectores”

Indagamos no imaxinario do escritor compostelán, que se ispe para que deamos un paseo polas súas cernas: “Ás veces, ser neofalante é o meu pecado orixinal”.

Pablo García Martínez - 10:30 20/05/2010

Hai xa catro anos que o nome de Alberto Ramos (Compostela, 1986) lle resulta familiar aos amigos da nosa literatura. Daquela a súa melancólica mirada perdida rematou esfachándose contra nós cando o puxeron diante de cámaras acusándoo de ter gañado a segunda edición do premio Biblos-Pazos de Galicia. De aí saíu Dor Pantasma (Biblos, 2006). Agora reincide, outra vez en colaboración co obradoiro de letras da parroquia de Mandaio, para publicar a obra elixida como gañadora no último certame de novela por entregas que organiza o xornal La Voz de Galicia. Este mércores presentou dende o balcón da libraría Couceiro, en Compostela, Con acuse de recibo (Biblos, 2010) acompañado do autor das ilustracións Juan Carlos Abraldes, e de Camilo Franco. Diante, na praza de Cervantes, ducias de persoas ollaban divertidos co seu exemplar para a performance, mentres algúns curiosos que pasaban polo lugar se unían ao grupo.

Como no propio limiar se apunta, é unha “historia de intriga sen detectives”. Ramos lévanos de paseo polo miolo de Camilo S.F. e vai construíndo sobre as súas dúbidas, recordos e, principalmente, angustias, unha trama mala de abandonar a medias. Chama a atención o dominio da ineludíbel atracción vencellada á idea de serialidade, que hoxe botou fondas raíces nos nosos televisores. Así, é doado apreciar no escritor compostelán a pegada do discurso audiovisual, que el utiliza con habelenza para que ningún capítulo sexa o último até que el así o decide. Tamén hai que chamar aquí a atención sobre as coidadas ilustracións, que enriquecen a edición. Neste segundo petisco de seu, Alberto Ramos vira a cámara cara dentro para fotografar a soidade, aquí como unha decisión (se cadra) allea a nós, e contorna o seu horizonte coas cores mornas das débedas pendentes.

Foi dende un balcón, de noite, coa chuvia varrendo o ceo...


Con acuse de recibo véndenos unha novela trepidante a un ritmo áxil. Naceron xuntas a historia e a asunción do formato imposto no certame ou atopáronse polo camiño?
Naceron por separado. Eu botáralle o ollo a ese premio hai tempo e mesmo seguín a traxectoria dalgúns gañadores. Na novena edición foi cando decidín presentarme. Despois xurdiu unha historia e acabei decidindo alongala para adaptala a isto.

É premeditada a artellada atracción que produce o ritmo co que se suceden os capítulos ou trátase máis ben dunha doce limitación do formato?
Home, o formato condicionábame: 3.500 caracteres e 31 capítulos. Os límites están marcados de antemán, ti entras no xogo e aceptas. Despois a estrutura tamén che permite xogar. Pensa nos produtos audiovisuais, no efecto do fundido, que adoita ir precedido dunha frase lapidaria. Pois aquí tes trinta fundidos, trinta momentos para poñer un punto e seguido que enganche co día seguinte. Acaba un capítulo, fundido en negro, e "continuará mañá".

Nas historias que nos contas adícaste a subtitular os silencios da alma. É alí onde atopas o pracer canto te pos a escribir ou ves un núcleo temático que resulta interesante abordar?
Eu penso que os silencios din moito máis que as palabras, sobre todo nunha novela breve e con intriga, onde un silencio mata moito. Tamén me sinto máis cómodo neses silencios que nos diálogos, xa que na descrición acéptase máis a irrealidade.

Utilízanse técnicas propias da novela negra sobre a base de escenarios elaborados enriba de dilemas morais. Como foi a elección desa proposta?
O que tiña claro cando decidín presentarme ao premio da novela por entregas é que non quería unha novela de detectives porque pensei que xa habería outros proxectos dese estilo e outros anos xa premiaran historias de detectives. Ademais xa usara ese recurso na miña primeira novela. As dúas teñen en común que hai un protagonista ausente, alí unha rapaza desaparecida e aquí un suicida. Así, procuramos manter a tensión mediante o detalle de como esas ausencias marcan ás persoas que rodean aos protagonistas non participantes. Aquí non había sitio para un detective e non facía falla, o tema está pechado: é un suicidio. Eu non pensei en facer unha novela negra, a miña idea era contar un drama familiar.

As novelas cun forte peso da intriga veñen gañando lugar privilexiado nos andeis das nosas librarías, con nomes en auxe como Diego Ameixeiras, Domigo Villar ou mesmo ti. A que pensas que se debe este pulo do suspense?
En primeiro lugar quero dicir que eu non son aínda un "nome" da literatura galega, iso é algo que me queda grande. Sobre ese fenómeno, penso que se debe a que tiran moito: son de fácil lectura e engaiolantes. E con isto non estou a dicir que sexan fáciles de escribir ou que non sexan profundos. Trátase de algo semellante ao que acontece co trhiller no cine, unha proba máis de que hoxe o cine e a literatura van da man. Para min son anzois que nos permiten pillar novos lectores, aquí e en todas partes. Xa o dicía Marcos Calveiro no pregón das Festas da Ascensión: fan falla novos falantes pero tamén novos lectores.

Gustaríame saber si es consciente de que a elección do idioma no que escribes é neste país unha toma de posición política, e en que medida o tes en conta cando o decides?
Eu son un neofalante e a miña lingua materna é o castelán, algo que non elixín, como tampouco elixín que me bautizaran. Nun momento dado decidín falar galego. Motivos políticos? Compromiso? Supoño que si. Eu son consciente de que, en algúns ámbitos, ser neofalante é o meu pecado orixinal. Fago por falar galego dende hai anos, aínda que ao principio custa bastante cambiar o “yo” polo “eu”. Son neofalante porque o elixín, e hoxe cando me poño a escribir non o fago en castelán: síntome máis cómodo escribindo en galego. Falo e escribo en galego, sen máis.

Volvendo agora a vista cara atrás, en que momento das ese chimpo que converte ao lector ávido en arquitecto dos dicires?
Pois lémbrome da inocencia coa que, tendo 15 ou 14 anos, decidín presentarme aos certames do colexio porque daban cartos. Eu son moi mundano e un pouco miserable [ri] e por iso comecei por cartos. Co paso do tempo xa non che importa tanto iso, e despois vaslle collendo o gusto a escribir para contar historias: esa inocencia vai mudando en pracer por compartir. É triste dicilo agora, mais daquela pensaba que se podía vivir da literatura.

Ramos Ríos, Alberto (2010) Con acuse de recibo, Mandaio (Cesuras), Biblos.


5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: