O gañador da segunda edición do premio Biblos-Pazos de Galicia, o compostelán Alberto Ramos, está a presentar durante esta semana por todo o país o seu libro Dor pantasma, tanto na súa versión orixinal en galego como na tradución ao castelán realizada por Saleta Fernández. A novela conta a historia da misteriosa desaparición dunha moza de Cangas do Morrazo e as consecuencias que estes feitos producen nos seus achegados. O premio Biblos-Pazos de Galicia foi creado para recoñecer o labor de autores menores de 25 anos. Alberto Ramos é estudante de Xornalismo.
As presentacións desenvolveranse nos diferentes centros de El Corte Inglés en Galiza: o martes, en Compostela; o mércores, na Coruña, e, o xoves, en Vigo. O autor estará acompañado da gañadora da anterior edición do premio, Iria López Teijeiro; do responsábel de suplementos de La Voz de Galicia, Xesús Flores, e mais de Xosé Ramón Pena, coordinador do suplemento cultural do Faro de Vigo.