Coa promesa de pilotar un cambio, Salustiano Mato e Xaime Cabeza pelexarán este xoves polo reitorado vigués, despois dunha crúa campaña electoral.
Sopran aires novos para a Universidade de Vigo. Iso é no que coinciden os dous candidatos que se enfrontarán este xoves nas eleccións ao reitorado. Mais as coincidencias son moitas máis, polo menos, en aparencia. Salustiano Mato, de Alternativa Universitaria (AU), e Xaime Cabeza, de Nova Universidade (NU), ambos os dous militantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) prometen un cambio, a mudanza necesaria, que vire o rumbo da Universidade viguesa despois de 12 anos de continuidade nos sucesivos mandatos de AU.
Falamos con ambos os dous no peche de campaña para que, unha vez superado o tenso debate, non exento de polémicas, o foco volva estar sobre as propostas. Cun total de 23.600 membros da comunidade universitaria chamados a votar (entre doutores, persoal investigador, administrativo, estudantes e outros traballadores), os resultados presúmense axustados. Velaquí as súas confluencias e as súas diferencias.
O que os une, o que os separa
En grandes liñas, Salustiano Mato fala de catro eixos nos que se sustenta o seu programa, que reivindica como “o verdadeiro cambio”, malia partir do grupo até agora gobernante, Alternativa Universitaria. “Defendemos unha universidade moderna e internacional, que traballe a prol do país no que vive para que a sociedade sinta o noso alento”, adianta ao tempo que fala da “defensa do idioma”, da “igualdade de oportunidades”, do “desenvolvemento sostíbel” e da necesaria internacionalización”.
Pola súa parte, Xaime Cabeza define o seu proxecto en torno a tres grandes ideas: “maior atención ás persoas, tanto no que se refire ao persoal docente, ao persoal de administración e servizos como ao propio estudantado”; “máis ortodoxia na programación de posgraos”, isto é, “dotar dun mapa de titulacións que pense na empregabilidade dos estudantes”; e “estabelecer complicidades coa contorna, para que a oferta de titulacións dea resposta ás necesidades tanto da comarca de Vigo, como de Galiza.
Con todo, esta enumeración de obxectivos tivo unha deficiente confrontación ao longo da campaña electoral, segundo explican os dous candidatos, se ben entenden que por diferentes motivos. Interrogados sobre o que os diferencia, Cabeza explica que a súa proposta é “máis rupturista fronte á continuidade”, “máis académica”, que “pon o foco no crecemento harmónico da comunidade universitaria, na procura da orde das titulacións dentro do sistema”. Mato, non obstante, é máis contundente na súa resposta: “nós somos máis solventes, contamos con máis experiencia, con máis capacidade e somos máis críbeis”, e engade, “somos un grupo que traballa na meritocracia, non estamos suxeitos a ningún lobby corporativo” di ao tempo que asegura que o seu contrincante non fixo outra cousa que “apropiarse” das súas propostas.
Campaña crúa e tensa
O enfrontamento entre ambos os dous candidatos e a polémica foron constantes durante toda esta campaña electoral. As acusacións mutuas ocuparon as primeiras planas dos medios informativos e foron bidireccionais. No caso do candidato de Alternativa Universitaria, tivo que escoitar as críticas e a cualificación de sexista polo vídeo da amante ficticia que o apoiaba na campaña; tamén foi acusado polo seu rival de apoiar proxectos urbanísticos “ofensivos” no contexto de crise actual; ou foi definido como “un político que vai de cargo en cargo”, en referencia ao seu paso pola Xunta durante o bipartito.
Pola súa parte, Cabeza foi acusado en reiteradas ocasións de “copiar e facer unha réplica mala” do programa de Mato e tamén de “vetar que o debate cos estudantes fose televisado” ou mesmo de “desprestixiar persoalmente” ao seu contrincante. Preguntado sobre a súa común ideoloxía nacionalista, Mato non concede tregua: “seremos os dous do Bloque, pero aquí nacionalista hai un só”, espeta. Mentres, Cabeza avoga por “non decodificar o debate en termos políticos” e limítase a subliñar a pegada que o pensamento nacionalista chega a ter no contexto universitario de Vigo.
No momento de facer balance, ambos os dous afirman que o que botaron de menos foi “o contraste de ideas”, mais esa responsabilidade achácanlla ao outro. En positivo, Mato destaca que “o que conseguimos foi ilusionar a moitos estudantes e á comunidade universitaria” e Cabeza dá por rematado o conflito electoral: “gañe quen gañe, o outro colaborará no seu proxecto”, di ao tempo que fala de converxencias.