Este sábado preséntase en Compostela unha páxina informativa e conmemorativa do centenario do nacemento do histórico intelectual galeguista.
A biblioteca Ánxel Casal, na capital do país, será escenario da presentación pública -este sábado ás 12.30 horas- da web informativa e conmemorativa do centenario do profesor Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 30 de outubro de 1910 - Compostela, 25 de marzo de 1990), www.carvalhocalero2010.net.
No acto, informa o Portal Galego da Língua, participarán o responsábel da páxina, José Tubio, e mailo presidente da Associaçom Galega da Língua, Valentim Rodrigues Fagim. Precisamente, AGAL é unha das asociacións impulsoras deste proxecto, xunto coa a Mesa pola Normalización Linguística, a Fundaçom Artábria, a Associação Cultural Pró-AGLP, o LS Aturuxo, o CS Gomes Gaioso e o Instituto Cultural Brasil-Galiza.
Na web pódese encontrar unha completa biografía e a bibliografía de Carvalho Calero, así como citas do autor, mediateca e información sobre as actividades que as entidades promotoras realizan durante este ano 2010 sobre a obra do primeiro catedrático de lingua galega da nosa historia, alén de Fillo Ilustre da Galiza, segundo foi recoñecido polo Parlamento en 1996.