Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comisión 35 Aniversario

Iníciase a recollida de sinaturas de adhesión á homenaxe plural a Moncho Reboiras

A Sala Sargadelos en Vigo acolleu a presentación do manifesto e lanzou o chamamento á homenaxe á memoria de Reboiras.

X. M. G - 10:35 14/05/2010

A Comisión 35 Aniversario Moncho Reboiras celebrou unha rolda de prensa este xoves na sala Sargadelos de Vigo para presentar o manifesto de homenaxe. A portavoz da Comisión, Margarita Ledo Andión, presentou o documento e fixo un chamamento á adhesión para lembrarmos a Reboiras como unha vítima máis do franquismo recoñecida o pasado ano polo Ministerio de Xustiza.

Cabo dela estiveron Ramón Muñiz, Camilo Nogueira e Manuel Reboiras. O primeiro deles lembrou os anos no Cumio Central da UPG e aquela loita por un ideal co que compartiu militancia co homenaxeado. O exeurodeputado nacionalista recordou como coñeceu a Pepe Reboiras na Asociación Cultura de Vigo, que daquelas presidía, e o seu papel nas folgas do 72 coa posterior integración de Galicia Socialista na Unión do Pobo Galego (UPG). Finalmente o irmán quixo acentuar que esta homenaxe está pensada baixo unha filosofía aberta, plural e integradora. Reivindicouno como "patrimonio de todos e todas as galegas de ben".

Se pola mañá xa se houbo unha destaca presenza de antigos camaradas de Reboiras na UPG, o acto da tarde triplicou a presenza. Arredor de 80 persoas, na súa maioría persoas que conviviran con Moncho, acudiron á Biblioteca Central de Vigo para adherirse ao manifesto e comezar así a recollida de sinaturas.

X. M. García Crego fixo un esbozo da vida do seu compañeiro a quen coñeceu na Escola Industrial de Vigo, Peritos, e con quen compartiu dirección na UPG durante os anos 70. De novo Manuel Reboiras recuncaba na necesidade de redescubrirmos Moncho e valorar no seu conxunto toda a súa actividade.Finalmente Lois Ríos asegurou que "grazas a el eu estou aquí", en alusión aos sucesos do 12 de agosto de 1975 cando Reboiras levou consigo a atención da policía e permitiu aos camaradas Lois Ríos e Elvira Souto agocharse sen seren descubertos.

O público tamén participou, entre eles Xosé Luís Méndez Ferrín quen reclamou reescribir a historia recente do nacionalismo e enxalzou á xeración de Reboiras porque "nós non tiñamos o apio económico de Moscú, nin de Pequín ou A Habana. Todo saía das nosas alxibeiras". Dúas persoas que en nome de Organización Obreira estabeleceran contactos coa UPG comentaron o papel de Reboiras naquel 1972. Tamén houbo tempo para reflexionar sobre o estado actual do nacionalismo e da esquerda con alusións á refundación.

Os representantes da Comisión tamén aproveitaron para agradecerlle a Acisclo Manzano deseñase a placa que se descubrirá neste agosto co gallo da homenaxe. Tamén puxeron á venda uns bonos para á axuda económica e indicaron que as adhesións tamén se poden realizar vía internet pinchando na web oficial da homenaxe a Moncho Reboiras.


4,85/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: