No último ano Eroski pechou acordo de colaboración con 368 fornecedores e fixo compras a pemes agroalimentarias galegas por valor de 336 millóns.
No seu conxunto, a cooperativa Eroski realizou compras por valor de 336 millóns de euros á pequena e mediana empresa do sector agroalimentario en Galiza ao tempo que mantiña acordos de colaboración con até 368 fornecedores de produtos. De xeito concreto, o grupo galego Vegalsa-Eroski destinou arredor de 200 millóns de euros a compras de produtos galegos durante o exercicio 2009. Uns números que indican que o grupo de distribución alimentaria incrementou nu 9,34% a súa aposta polo abastecemento no país respecto ao ano anterior.
Os números puxéronse de manifesto esta semana en Santiago de Compostela durante o IV Encontro co Sector Agroalimentario Galego, que xuntou na capital a dous centenares de representantes de empresas da industria alimentaria e das denominacións de calidade. Un encontro no que participou o presidente do Foro de Marcas Renombradas, tamén presidente de Freixenet, José Luís Bonet, á beira do conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez.
No actual contexto, maior aposta pola calidade
Na súa intervención, o director de compras de Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa, salientou a idea de que na actual conxuntura económica e o aumento da competencia entre distribuidores "é necesario mellorar a eficiencia e a oferta básica". Neste escenario, Eiroa destacou como eixo estratéxico a necesidade de afondar na cooperación cos provedores como base para convertérense "na tenda preferida polos galegos para comprar". Segundo a análise exposta, o consumidor no contexto actual "volve máis racional, planificando a súa lista da compra de xeito que mantén e prioriza os produtos que considera esenciais e visita máis tendas para comparar prezos e promocións".
Nese sentido, ao longo de 2010, Vegalsa-Eroski ten previsto "potenciar e ampliar" o seu abano de produtos galegos e o apoio a todos aqueles alimentos amparados nas denominacións de calidade agroalimentaria. Nesa liña continuará o incremento no abastecemento de produtos en Galiza na arela de posicionarse como "a tenda dos produtos galegos".