Catro autobuses trasladáronse dende O Morrazo até Pontevedra para apoiar os mariñeiros xulgados polas protestas de Salgueirón.
A confraría de Cangas presentou tres recursos contenciosos-administrativos, un dos cales está nestes momentos ante o Supremo
Dez meses de prisión para cada un dos mariñeiros. Esa é a pena que pediu a fiscal para os dous detidos xulgados este mércores en Pontevedra polas protestas e paralización das obras do porto deportivo de Massó en Cangas.
Os acusados, dous irmáns de Cangas, Xosé e Xabier Costas, foron detidos o pasado 22 de setembro durante unha mobilización contra as obras de Salgueirón. A Garda Civil denunciounos por “resistencia á autoridade”, se ben ambos aseguraron que nin sequera participaran naquela protesta. Consideraron a acusación unha “montaxe” e afirmaron que “é totalmente falso” que foran agresivos en ningunha das mobilizacións.
Apoio na comarca
Mariñeiros e mariscadores da Ría de Vigo, da de Pontevedra e da de Arousa, acudiron a apoiar aos dous mariñeiros en catro autobuses fletados pola Confraría de Cangas. Tamén se trasladaron decenas de vehículos particulares, dende Vigo, Redondela e Sanxenxo, en solidariedade cos acusados. A maiores, coincidindo coa vista celebrada no Xulgado do Penal Número 2, houbo un xeneralizado peche de confrarías e lonxas.
O patrón maior de Cangas, Evaristo Fernández, insistiu na inocencia dos mariñeiros. Ademais, reiterou que o sector “vai seguir opoñéndose ao porto deportivo de Massó porque é unha obra prexudicial para o marisqueo, unha actividade da que viven milleiros de familias na ría”. Precisamente esta semana a propia Confraría, o Foro Social de Cangas e Greenpeace presentaron un manifesto asinado por 85 colectivos, no que piden a protección da ría, rexeitan o porto deportivo e ofrecen o seu apoio aos mariñeiros xulgados.