Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nube de cinza do volcán Eyjafjallajökull

Actividade normalizada nos aeroportos do país desde este domingo pola tarde

Finalmente a apertura de Lavacolla, Peinador e Alvedro, os únicos do Estado xunto co de Salamanca que permanecían pechados, fixouse para as 17.00 horas.

Redacción - 09:30 08/05/2010
O volcán islandés Eyjafjalla

O volcán islandés Eyjafjalla

(Actualizada ás 17.15 horas)
Finalmente, os aeroportos do país volven funcionar desde as 17.00 horas deste domingo.

(Actualizada ás 15.15 horas)
Todos os aeroportos do país retoman definitivamente a actividade a partir das 16.00 horas, segundo confirmou AENA. Lavacolla, Peinador e Alvedro permaneceron pechados desde a madrugada do venres ao sábado, como consecuencia da nube de cinzas, e os únicos do Estado, xuto co de Salamanca, que así se mantiveron durante toda a mañá do domingo. Segundo os últimos datos facilitados por Eurocontrol, a evolución da nube permite levantar as restricións.

(Actualizada este domingo ás 11.15 horas)
AENA decidiu adiar até polo menos as 16.00 horas a apertura dos aeroportos no noso país. Os de Compostela, Vigo e A Coruña eran os únicos que permanecían pechados en todo o Estado á primeira hora deste domingo, e a súa reapertura estaba prevista para as 11.00 horas.

A permanencia da nube de cinzas sobre o noroeste da Península Ibérica obrigou a prorrogar o seu peche ao tráfico.De acordo coa información proporcionada por Eurocontrol -o organismo europeo que coordina o tráfico aéreo- a evolución da nube volcánica podería permitir a reapertura Lavacolla, Peinador e Alvedro ao longo da tarde.

(Actualizada o sábado ás 18.35 horas)
Segundo informou o ministro español de Fomento, Xosé Blanco, así que finalizou a reunión da Comisión Estatal de Seguimiento de Aeropuertos, os aeroportos permanecerán pechados cando menos até as 20.00 horas para garantir a "seguridade absoluta".

(Actualizada o sábado ás 12.15 horas)

Os tres aeroportos do país, Lavacolla, Peinador e Alvedro, permanecerán pechados até as 18.00 horas deste sábado, logo de que ao longo da mañá AENA decidise aumentar en catro horas máis o tempo previo de clausura, aínda que poderían volver abrir ás 14.00 horas se as condicións o permiten.

O xestor estatal adoptou esta decisión por indicación da Axencia Europea para a Seguridade na Navegación Aérea (Eurocontrol), ante a chegada da nube de cinza procedente do volcán islandés Eyjafjalla e xurdida polas erupcións da pasada madrugada.

AENA pediu aos viaxeiros que se poñan en contacto coas compañías coas que teñen previsto voar por se houbese incidencias ou que se informen no teléfono 902404704 (clique para ver números sen o 902) deste organismo. Os aeroportos afectados tiñan previstas para este sábado 190 operacións, 48 o de Compostela, 26 o de Vigo e 23 o da Coruña. Ademais, hai outros puntos do noroeste peninsular afectados.

Precaucións “non necesarias”, di a Xunta
A Xunta difundiu un comunicado en que especifica que na situación actual non cómpre realizar recomendación ningunha á poboación, teñan ou non patoloxías respiratorias previas, para que adopten precaucións xa que non existe risco para a saúde das persoas.

En todo caso, o Goberno realiza a través de Meteogalicia un seguimento de posíbeis picos nas concentracións de partículas nos ares a través de sensores da Rede de Vixilancia da Calidade do Aire, informaron.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: