Desde este mércores e deica o vindeiro sábado, a Asociación Galega de Historiadores acolle está xuntanza no Consello da Cultura Galega.
'Fascismo e ditadura (1936-1975): novos enfoques historiográficos' é o eixo sobre o que comeza a xornada deste xoves do XIII Congreso de Novos/as Historiadores/as de Galiza. Baixo a moderación de Uxío-Breogán Diéguez, historiador e director do CEDAB-UVigo, haberá relatorios sobre o golpe militar e a represión franquista en Galiza, a cargo de Carlos Velasco, profesor de Historia Contemporánea na UdC, ou sobre as mulleres na resistencia galega, a cargo de Aurora Marco, investigadora e catedrática de didáctica na USC.
O congreso arrincou este mércores en sesión de mañá e tarde. Na sesión de mañá desenvolveu o propio Uxío-Breogán Diéguez, en calidade de presidente da Asociación Galega de Historiadoras/es, o relatorio de apertura do encontro, na práctica un percorrido pola intrahistória da AGH desde o seu nacemento até os nosos dias, enmarcada na realidade historiográfica galega nas últimas dúas décadas e media. A continuación, Xoán Carlos Garrido Couceiro, profesor de filosofia e historiador, tamén convidado a este Congreso, desenvolveu unha outra ponencia arredor do pensamento de Walter Benjamin e a súa filosofia da Historia.
O encontro ten lugar no Consello da Cultura Galega (CCG) e conta co apoio da propia institución, da USC, nomeadamente da Faculdade de Xeografia e Historia, e de Murguia, Revista Galega de Historia.