Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mudarán a lexislación sobre entidades de aforro

Zapatero e Rajoy meten presión a Gayoso pouco antes da reunión das caixas con Xunta e Banco de España

A xuntanza a catro estaba prevista para esta cuarta feira pola tarde, logo do "aval político" de PPdeG, PSdeG e BNG á fusión.

Redacción - 18:55 05/05/2010
Mariano Rajoy e José Luis Rodríguez Zapatero na xuntanza que se desenvolveu este martes na Moncloa

Mariano Rajoy e José Luis Rodríguez Zapatero na xuntanza que se desenvolveu este martes na Moncloa

O futuro dirá -ou non- que fixo mudar a postura do PSOE ao respecto da fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. Polo momento, unha vez dada a beizón socialista ao proceso e sen outro acubillo que a Alcaldía de Vigo, Xulio Fernández Gayoso ten toda a presión.

O presidente da entidade do sur parece ser o derradeiro escollo para que se produza a fusión e así llo están facendo saber todos os axentes políticos implicados con capacidade para o obrigar a ceder, é dicir PSOE e PP. Esta cuarta feira pola mañá, os propios Zapatero e Rajoy aludían directamente ao proceso na conferencia de prensa posterior á súa xuntanza sobre a crise na que acordaron, entre outras cousas, reformar en tres meses a lexislación das caixas de aforro.

En concreto, mudarase a Lei de Órganos Reitores de Caixas de Aforros (LORCA), que introducirá a posibilidade de que as estas entidades capten capital con títulos similares ás accións. Así mesmo, ambos os dous alcanzaron un compromiso para axilizar as fusións entre estas entidades.

A preguntas dos xornalistas trala reunión, o presidente do goberno español sinalaba que non vai "prexulgar quen debe ser" a persoa que estea á cabeza da hipotética nova entidade, "nin se este señor -por Gayoso- debe ser", "nin se debe continuar ou non continuar", aínda que mostrou a súa esperanza de "que todo o mundo estea á altura da responsabilidade".

Pola súa banda, o líder dos conservadores a nivel estatal advertiu que "se a fusión fracasase porque un señor -tamén por Gayoso- queira seguir cinco anos máis, este país tería un problema moi serio". "As razóns persoais son inaceptábeis", engadiu.

Unhas declaracións que se producían poucas horas antes da xuntanza prevista para as 17.00 horas en dependencias da Consellería de Facenda, en San Caetano entre o Banco de España, as cúpulas das dúas caixas e a Xunta para abordar a posíbel fusión.

No punto do día están a repartición dos órganos de goberno na entidade e o período de transición, que Caixanova pide que sexa de cinco anos. No entanto, tanto PSOE como PP -e por evidente correspondencia, PSdeG e PPdeG- e BNG veno "excesivo".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: