O colectivo contrario á normalización pídelle por escrito á Xunta que impida a iniciativa dos principais sindicatos do ensino.
A organización Galicia Bilingüe presentou este martes un escrito na Consellaría de Educación polo que denuncia a “ilegalidade” da iniciativa que a semana pasada anunciaron os principais sindicatos (CIG, UXT, STEG e CC.OO) para cuestionar o decreto que quere impoñer a Xunta. As organizacións sindicais queren que os consellos escolares se adhiran ao Consello Escolar de Galicia, que rexeitou a proposta do executivo.
Para a presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, a proposta dos sindicatos é ilegal porque “implicaría que os consellos debatesen ou se pronunciasen sobre un asunto sobre o que non teñen competencia”. Segundo o colectivo contra a normalización, as organizacións sindicais queren organizar un “acto de pura propaganda política co emprego de medios públicos”.
Dende Galicia Bilingüe suxírenlle á consellaría que lle dea ordes aos directores para que non inclúa nas ordes do día dos consellos escolares puntos que traten o decreto. Mais o colectivo pon a venda antes cá ferida e xa solta ameazas explícitas solicitando castigos para os directores que permitan discutir o decreto nos consellos