Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
I+D+i

Empregados públicos saen por unha porta, as empresas privadas entran pola outra

Os traballadores da Fundación Calidade denuncian o despedimento dun 20% do persoal técnico para entregar o servizo a mans privadas.

Isabel G. Couso - 08:30 05/05/2010
Os traballadores piden a dimisión da xerente e do conselleiro de Economía

Os traballadores piden a dimisión da xerente e do conselleiro de Economía

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza contaba cun cento de traballadores directos ao remate da lexislatura pasada. Constituída en 1996, é unha entidade dependente da Consellaría de Economía e Industria que ten entre os seus obxectivos impulsar a competitividade empresarial e estratéxica mediante investimentos en I+D+i, en tecnoloxías da información e na modernización. Porén, os traballadores denuncian que a Xunta está a acometer o seu desmantelamento, con continuos despedimentos e coa adxudicación dos traballos que viña realizando a empresas privadas.

A falsidade que se agocha na eliminación da administración paralela
Dende que o PPdeG asumiu o Goberno, o cadro de persoal reduciuse nun 20%. Ao longo do pasado ano, despedíronse a 15 traballadores (sete deles eran membros da CIG, que conta coa presidencia do Comité de Empresa) e na última semana prescindiuse doutros seis empregados. Os motivos alegados pola Fundación foron sempre falta de volume de traballo, baixo rendemento laboral ou indisciplina e desobediencia, extremos que negan os sindicatos. De feito, nos últimos meses a Xustiza xa declarou improcedentes seis destes despedimentos e obrigou a readmitir como persoal laboral da Xunta a tres traballadores.

Ao tempo, o traballo que viña realizando o persoal técnico despedido foi adxudicado a empresas privadas. Así aconteceu co Plan Estratéxico da Sociedade da Información (PEGSI) e a rede de sofware libre e de fontes abertas (MANCOMÚN), que agora se atopan en mans privadas xestionadas a través de asistencias técnicas e diversas consultoras. En concreto, David Santomil (representante da CIG no Comité de Empresa) denuncia que en moitos casos estes contratos foron parar a empresas afíns ao PPdeG, como Atos Origin, multinacional de orixe francesa que está dirixida por Carmen Martín de Pozuelo Romay, sobriña de Romay Beccaría.

No caso concreto do PEGSI, no que traballaban os seis últimos despedidos, a Fundación ten prevista a contratación dunha consultora por importe duns 200 mil euros (165.517 máis IVE). Segundo Santomil este custe supera, en moito, o que ocasionaba o servizo sen externalizar, que non superaba os 60 mil euros anuais. “Falan da eliminación dunha administración paralela e de austeridade, mais a verdade é que triplican o gasto”, explica ao tempo que recorda que, ademais, a Xunta terá que facer fronte ao pago de avogados, asesorías e indemnizacións aos traballadores despedidos.

Camiño do desmantelamento total
Ademais dos despedimentos e dos chanzos dados cara a privatización de moitos dos servizos, os sindicatos denuncian un intento de desmantelamento da propia Fundación Calidade. Así opina Vicente Suárez (representante de UXT no Comité de Empresa): “a actitude é a da liquidación da Fundación”, explica. Ademais, denuncia que en moitos casos os empregados das consultoras contratadas están a traballar nas dependencias públicas, compartindo oficinas e empregando os recursos públicos, como o material informático.

O Comité de Empresa (con dous representantes da CIG, dous de CCOO e un de UXT) celebrará unha asemblea este martes para artellar un calendario de mobilizacións conxunto. Exixen a dimisión da xerente da Fundación, Covadonga Toca, e do conselleiro de Economía e Industria, Xabier Guerra, como máximo responsábel da súa xestión e piden que se abandonen estas prácticas que levan canda si “a represión sindical, os despedimentos improcedentes e a privatización crecente” do traballo que viñan realizando.


4,69/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os afiliados á CIG mantiveron un peche na Fundación Calidade (clica para ampliar)
Os afiliados á CIG mantiveron un peche na Fundación Calidade (clica para ampliar)
A Fundación Calidade ten entre os seus obxectivos  impulsar a competitividade empresarial e estratéxica mediante investimentos en I+D+i
A Fundación Calidade ten entre os seus obxectivos impulsar a competitividade empresarial e estratéxica mediante investimentos en I+D+i