A Fiscalía chamou a declarar a catro das 16 persoas que conforman a Dirección Nacional por difundir un vídeo do xuízo a dous independentistas.
Logo de Nós-Up
Catro membros da Dirección Nacional de Nós-Unidade Popular foron denunciados pola Garda Civil de Pontevedra por un suposto delito de difamación. Son Alberte Moço, Maurício Castro Lopes, Bruno Lopes Teixeiro e Carlos Morais, quen xa foron chamados a declarar pola Fiscalía para explicar a reprodución dun vídeo na súa páxina web.
“É unha mostra máis da actitude represiva e o acoso permanente contra o independentismo galego”, valora Carlos Morais a decisión da Garda Civil. En concreto, a denuncia versa sobre unha montaxe audiovisual, na que se reproduce o xuízo e condena de dous independentistas na comarca do Condado, que foron acusados por ocasionar danos nunha igrexa de Salvaterra de Miño. “A denuncia non ten sustento ningún”, di Morais, “o auto é público e o vídeo forma parte do auto, polo que non hai ilegalidade ningunha”.
Despois de declarar, dende Nós-Up agardan que a denuncia se arquive sen maiores consecuencias. Con todo, lamentan o que consideran “unha arbitrariedade” na escolla dos catro denunciados, de entre os 16 integrantes da Dirección Nacional, organismo responsábel dos materiais publicados na páxina de internet. Reafirman a “lexitimidade da crítica ás decisións xudiciais” e afirman que “a iniciativa da Garda Civil só responde ao seu afán represivo e á tentativa de dar carta de natureza ao delito de opinión”.