O goberno local (PP) despreza o interese patrimonial e defende "mirar ao futuro" para xustificar a destrución destes achados catalogados.
A condición de ben de interese cultural do xacemento rupestre de Boaventura, tamén chamado d'O Sobreiro, na parroquia de Burgueira, non conmove a actuación do Concello de Oia que optou por ignorar na práctica a súa existencia á hora de autorizar no lugar unha plantación masiva de kiwis. Catalogado desde hai tres anos, trátase dun conxunto rupestre que os expertos valoraban ademais especialmente polas súas características, xa que é un gravado pouco habitual neste tipo de pedra louseira a pé de costa. A afectación da plantación kiweira chega tamén a un xacemento próximo que é evidencia dun gran asentamento romano na zona.
O IEM levará o caso á fiscalía
O asunto entrará agora na vía penal, xa que desde o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) consideran que se produciu unha destrución do patrimonio "á mantenta" e con mala fe. Un dos membros do colectivo cultural, Xilberte Manso, recorda que o municipio podería alegar "descoñecemento" nunha primeira fase, cando se produciron os primeiros traballos na zona. Mais posteriormente, e alertada a administración ao respecto da situación, o departamento de arqueoloxía da delegación provincial de Cultura en Pontevedra comunicoulle formalmente ao concello a orde de paralización da obra. Lonxe de frearse a obra neste momento, cando o gravado, malia quedar esgazado, aínda era recuperábel, "o que fixeron foron destruílo completamente".
"Houbo mala intención", láianse desde o IEM. Para a asociación non existe xustificación ningunha máis que a "mala fe". A presunta "ignorancia" argumentada nun primeiro momento por, supostamente, non constar no Concello a ficha sobre estes valores patrimoniais, non valería como xustificación cando posteriormente, e malia a comunicación do arqueólogo, se continúa os traballos e se arrampla cos gravados e coa área do xacemento onde a día de hoxe permanecen estrados e deteriorados, entre outros, un feixe de restos cerámicos.
"Temos máis leis ca nunca nesta altura do século XXI, mais nunca se destruíu tanto", láiase Xilberte Manso. "E destruír parece que sae demasiado barato", afirma ao fío doutros casos de destrución patrimonial recente. "O patrimonio non se pode taxar en euros, que van dicir de nós as xeracións futuras cando estas cousas sexan apenas unha nota a pé dos libros de historia que diga 'aquí tiñamos'...", quéixase. Por todo isto, o IEM agarda que a Fiscalía tome cartas no asunto.
O alcalde xustifica a actuación
"Non hai queixa veciñal de ningún tipo", subliña en conversa con Vieiros o alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez (PPdeG). "Iso, sexa o que sexa, é algo que estaba por aí agochado atrás duns pinos e terra", insiste o rexedor, para quen non está claro que no lugar exista ou existise xacemento ou gravado ningún protexido patrimonialmente. "Diso ninguén sabía", teima Rodríguez.
Interpelado ao respecto da existencia dunha comunicación da delegación provincial da Xunta para a paralización das obras, Alejandro Rodríguez afírmase profundo coñecedor do patrimonio do municipio que goberna e reitera que "diso ninguén sabe se é ou non xacemento ningún". A continuación, Rodríguez, que esta quinta feira en declaracións á prensa local xa chamara a "mirar ao futuro" en defensa da autorización á plantación de kiwis, afirma para Vieiros que se trata dunha gran extensión de terreo con potencial produtivo e chama a non perder a xeración de emprego no concello por "algo que non está comprobado". "Asumirei as responsabilidade que teña que asumir", contesta o rexedor, "e dios queira que sexa mentira, porque haberá denuncia contra os que din que se destruíu igual que haberá denuncia a Patrimonio por non ter avisado o concello se se proba que si existía un xacemento".
Desde o IEM subliñan que a plantación podía ser perfectamente compatible coa conservación de gravados e xacemento. "Podíase conservar todo sen afectar a explotación" e critican o proceder do goberno local e en especial do alcalde. "Era para metelo no cárcere directamente", acusan.