Precarios-Galicia e o Colectivo Nacionalista A Trabe presentan as súas candidaturas para os comicios do vindeiro 5 de maio.
O claustro confórmase por 300 representantes dos diversos sectores da comunidade universitaria
Alén das campañas electorais que presentan os sete candidatos ao reitorado, lonxe da repercusión mediática e pública das súas propostas para dirixir a Universidade de Santiago de Compostela (USC), diferentes colectivos comezan tamén a presentar as súas propostas para converterse en representantes do claustro. A elección realizarase na mesma votación o vindeiro 5 de maio, data na que tamén se escollerán os consellos de departamento.
A escolla destes representantes decidirá que persoas terán voz e voto no Claustro e, polo tanto, as que tomarán parte nas decisións dos órganos de goberno na USC. A Asociación de investigadores, técnicos e tecnólogos Precarios-Galicia presenta as súas candidaturas nas modalidades de “Outro PDI contratado” e “Investigadores en formación”. Entre os seus compromisos debullan a “substitución completa das bolsas por contratos”, a mellora substancial e inclusión de todo o persoal investigador en formación ou a elaboración e aprobación do Estatuto do investigador, en fase inicial na USC.
Pola súa parte, o Colectivo Nacionalista A Trabe preséntase para representar ao Persoal de Administración e Servizos (PAS) para defender os que xa consideran os seus sinais de identidade: “universidade galega, democrática e de calidade, ao servizo da sociedade e do individuo, de todos os individuos”.