Repsol asegura que o acontecido non supón un perigo e di que a incidencia está moi localizada. Os dous operarios foron ingresados nunha unidade de grandes queimados.
Arredor das 10.30 horas deste xoves produciuse unha explosión na refinaría da Coruña. Dous obreiros que traballaban na planta de coque resultaron feridos de gravidade e tiveron que ser trasladados a un centro hospitalario onde están a ser atendidos das súas lesións. A compañía Repsol fixo un comunicado pouco despois do suceso no que asegura que o estourido non lle afectou ao resto das instalacións e que en ningún momento se chegou a producir un incendio.
Fontes sindicais da refinaría consultadas por Vieiros coinciden en que a situación está controlada. Os dous traballadores pertencían a unha empresa subcontratada (TMS) e eran soldadores. Os dous permanecen ingresados na unidade de grandes queimados.
A explosión pon no punto de mira unhas instalacións que están a escasos metros de zonas urbanas moi poboadas. A Coruña é a única cidade de Europa atravesada por un gran oleoducto que conecta o o porto coa refinaría de Repsol en Bens. Numerosas asociacións veciñais teñen chamado a atención dende hai anos do perigo potencial que pode supoñer un accidente moi grave tanto no oleoducto coma na propia refinaría.