Pistolas, kalashnikovs, cunha man, coas dúas, ... Entre vides, nun fermoso entorno, proba o seu armamento caseiro coa esvástica no peito e sobe os vídeos ao YouTube. Sen complexos.
'roker581' lócese no YouTube
Son sete vídeos. Antes eran oito, mais foi eliminado un onde maltrataba un can. O resto permanece, tamén un en que funde a tiros unha árbore. O mellor das imaxes é a paisaxe, típica da Galiza do sueste, concretamente dos montes de Quilós (Cacabelos) no Bierzo. Daba gana de ir dar un paseo se non fose polo personaxe!
O protagonista goza de moi bo humor. Cada serie de disparos vai seguida doutra de gargalladas. Un xenio do humor, ataviado para o show con toda unha colección completa de modelos nazi-à-porter: camisolas con esvásticas, cazadoras Bomber con insignias das SS, ... un auténtico neonazi de anuncio.
Todo moi gracioso -menos para o can e a árbore- de non ser polas agresións sufridas por militantes antifascistas da comarca hai un tempo, incluído un intento de homicidio en 2007, e que se encargan de lembrar varias plataformas coa difusión destes vídeos. roker581 (o seu nome de guerra), un tipo sen complexos, un rambo nazi ceibo no Bierzo.