O Colexio de Xornalistas súmase así ás críticas do Sindicato de Xornalistas e presenta un informe sobre os postos ofertados.
Logo do CPXG
Un responsábel de prensa para o Xacobeo, outro para a Deputación de Ourense, un “axudante de comunicación” para o Concello de Tui, un técnico de información na Deputación de Lugo ou dous locutores de radio en Culleredo. A convocatoria destas prazas públicas de xornalista teñen en común que non exixen titulación nin en Xornalismo nin en ningunha outra especialidade da comunicación. Así o denuncia o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza (CPXG), quen presentou un “Informe sobre a convocatoria de prazas de comunicación en administracións e empresas públicas”.
Este documento, que recolle até cinco exemplos distintos de prazas convocadas desde febreiro de 2009, denuncia unha “mala práctica, moi asentada, que convirte a profesión da comunicación, en xeral, nunha das que maior índice de intrusismo presentan”. O CPXG considera “especialmente censurábel ao tratarse de convocatorias feitas por institucións públicas” e subliña que “afecta gravemente a aqueles profesionais que cursaron os estudos oficiais e que poden acreditar cun título universitario os coñecementos precisos para o desenvolvemeto das tarefas do ámbito da comunicación”.
O Sindicato de Xornalistas tamén denuncia
Pola súa parte, o Sindicato de Xornalistas de Galiza (SXG) reclamoulle nos pasados días á FEGAMP e aos concellos “que deixen de convocar prazas de técnicos de comunicación sen garantir uns mínimos requisitos académicos ou profesionais”. “Resúltanos absurdo”, din, “que unha administración contrate a persoas sen cualificar para postos de carácter técnico” e pregúntanse: “Contrataría un municipio un arquitecto sen titulación?”