Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O martes e o mércores

Queremos Galego denunciará en Bruxelas o incumprimento da Carta das Linguas Minoritarias

Catro representantes da plataforma entrevistaranse con membros do Consello, do Parlamento, da Comisión Europea e da Unesco para informalos da política lingüística da Xunta.

Redacción - 18:28 12/04/2010

Queremos Galego manterá xuntanzas este martes e mércores en Bruxelas con representantes do Consello de Europa, do Parlamento Europeo, da Comisión Europea e da Unesco para denunciar a política activa de "desprotección e desmantelamento" da oficialidade da lingua galega e o "ataque frontal" contra a lei vixente por parte do Goberno. A plataforma estará representada por Carlos Callón, Fran Rei, Bieito Lobeira e a actriz Isabel Risco.

Os membros de Queremos Galego entregaranlle ao comité de expertos do Consello de Europa un informe sobre os incumprimentos "máis flagrantes" da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. Así mesmo, terán encontros con representantes da Comisión en materia de Ensino e Multilingüismo e con varias forzas políticas do Europarlamento, especialmente as de zonas cunha situación lingüística semellante á de Galiza.

Fran Rei, voceiro da plataforma, explicou que o seu obxectivo é chamar á solidariedade deses territorios para crear un "sentimento recíproco" cada ao galego e que é difícil atopar algún lugar en que se estea a facer un ataque á lexislación "básica e consensuada" como acontece en Galiza. Cualificou as reunións de "oportunidade de ouro" fronte á negativa do presidente da Xunta a recibilos.

Pola súa banda, o voceiro en materia de lingua do BNG, Bieito Lobeira, dixo que era o "deber" da plataforma impulsar este tipo de contactos fronte á situación "absolutamente extrema" de "exterminio literal" do galego por parte da Xunta. Nesa liña vinculou que o PPdeG impedise tramitar a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada por Queremos Galego.

Mentres, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, atribuíu a actitude do Goberno a unha estratexia de "españolización da sociedade" do PP, co fin de "desfacer calquera vestixio" de diversidade que permita avanzar cara a un estado plurinacional e plurilingüístico.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: