Todos os socios participarán neste inédito programa de axuda, por valor de 30 mil millóns, ao que se lle une un crédito do FMI por valor doutros 10 mil.
O presidente do Eurogrupo, o luxemburgués Jean Claude Juncker, anunciou as condicións do préstamo da Unión Europea a Grecia. Unha inxección económica por valor de 30 mil millóns de euros, que o país aínda ha de solicitar formalmente, co obxectivo de afrouxar a crise orzamentaria e conseguir que evite a creba.
Un xesto inédito desde a aparición da moeda única e no que os 16 socios da eurozona participarán a través de préstamos bilaterais e na medida das posibilidades de que cada un dos estados membros. A cantidade será completada co anuncio por parte do Fondo Monetario Internacional (FMI) dunha axuda de 10 mil millóns. O tipo de xuro dos préstamos europeos será do 5%, por riba do 2,84% do FMI. Un xesto co que os responsábeis europeos pretenderían evitar que a axuda teña o carácter de subvención e atenda ao tratado europeo que impide o rescate deste tipo dun estado socio endebedado. Trátase en todo caso dunha cantidade axustada unicamente para un primeiro ano e que podería ser ampliada en función da evolución. E hai que lembrar que malia todo, dependerá finalmente da solicitude do executivo heleno que, en principio pretendía evitar o recurso a este fondo co plan de axuste posto en marcha a nivel interno.
Para ampliar: