Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Filosofía e economía"

Liberalismo vs. republicanismo

Finaliza a XXVII Semana Galega de Filosofía coas intervencións de Andrés de Francisco, Dionisio Pereira, Bernardo Maiz e Xosé Manuel Beiras.

Redacción - 09:35 10/04/2010
'Migrant Mother', de Dorothea Lange

'Migrant Mother', de Dorothea Lange

Rematou este venres en Pontevedra a XXVII Semana Galega de Filosofía coa ponencia Mans invisíbeis ou cidadáns soberanos? Do mercado á política, de Andrés de Francisco, pola mañá, e a mesa redonda Desafíos para resistir. Organización do traballo e sindicalismo, da man dos historiadores Dionisio Pereira e Bernardo Maiz, pola tarde.

Para finalizar a xornada, a conferencia de clausura correu a cargo de Xosé Manuel Beiras. Neste acto, o membro da Aula Castelao, Juan Carlos Fernández, deu lectura ás conclusións desta edición centrada na análise do sistema económico capitalista e que poden ser consultadas ao pé da información.

Liberdade

Na súa intervención, De Francisco evidenciaba "dous enganos do liberalismo", a inexistencia da man invisíbel e o equilibro e a autorregulación do mercado, presentando os grandes desacordos entre o que sinalou como as dúas grandes filosofías políticas actuais: o liberalismo e o republicanismo.

"Aínda que ambas as dúas poñen o foco no concepto de liberdade, cada unha o constrúe de xeitos moi diversos. Así, o concepto liberal de liberdade interprétaa como liberdade puramente negativa (como non-interferencia), o que contén un programa enteiro de despolitización da antiga Libertas e de reducionismos economicistas da vida política", apuntou.

"Pola contra -engadiu-, a tradición republicana comprende a liberdade como liberdade da opresión, e está intrinsecamente relacionada coa cuestión do poder social e a soberanía política". A política e a súa centralidade resultan "inevitábeis" para o autor: "Alternativamente, o republicanismo danos unha oportunidade interesante de repensar a boa sociedade desde unha concepción robusta da cidadanía".

Historia sindical

Na sesión da tarde, os historiadores Bernardo Maiz e Dionisio Pereira fixeron un repaso sobre o sindicalismo galego nos últimos anos. Ambos os dous historiadores trataron de estabelecer algúns dos distintivos da loita de clases no noso país desde a aparición das organizacións operarias primixenias, arredor de 1870, até os nosos días.

Rematada a etapa de oposición guerrilleira que caracterizou as primeiras décadas da ditadura franquista, o movemento obreiro rexurdiu na década de 1960, nunha forzosa clandestinidade, segundo expuxeron os autores. De 1973 en diante -apuntaron-, o nacionalismo galego de esquerda foi quen de artellar organizacións sindicais propias (cronoloxicamente SOG, ING, INTG, CXTG, CIG,…), evolutivamente inseridas nun proxecto sociopolítico de liberación nacional.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: