Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Semana Galega de Filosofía

Altermarxismo, traballo informal e a complicada relación política-economía

Bidet, Martínez Veiga e Oliveres protagonizaron o debate na penúltima xornada. Este venres, clausuran De Francisco, Pereira, Maiz e Beiras.

Redacción - 11:00 09/04/2010
Bidet defendeu o altermarxismo

Bidet defendeu o altermarxismo

"O altermarxismo é o desenvolvemento dunha achega metaestructural, que vai alén da problemática marxiana", considera Jacques Bidet. O autor francés abriu esta quinta feira a penúltima xornada da XXVII Semana Galega de Filosofía que se desenvolve en Pontevedra.

Para entender a estrutura moderna de clase, indicou Bidet, hai que partir da relación entre dous factores de clase: o da "propiedade", sobre o mercado, e o da "competencia", sobre a organización da produción, da administración e da cultura.

Mercado e organización son os grandes recursos, "as pezas constituíntes da nosa sociedade, da nosa razón común". Porén, estas "volvéronse contra nós, e nós tornámonos marionetas, escravos da democracia", e para nos ceibar cómpre unha loita política e cultural coa que "poderemos domesticar a este monstro, o mundo en que vivimos", apuntou.

Traballo informal

Na quenda da tarde, Ubaldo Martínez Veiga analizou o mercado de traballo no seu relatorio Traballo informal, economía mergullada e xustiza social. A distinción entre traballo formal e informal está baseada no recrutamento da man de obra sobre unha base regular e permanente con remuneracións fixas.

"Coa introdución (polo antropólogo Keith Hart en 1973, a partir dun traballo de campo levado a cabo en Ghana) deste concepto (baseado na noción marxista da 'reserva de man de obra' ou 'exército de man de obra') tentábase afirmar que nos países do chamado terceiro mundo habería moita máis xente traballando da que aparecía nas estatísticas oficiais", explicou Martínez Veiga.

O autor foi analizando as diversas interpretacións do fenómeno, que van desde as que pensan que se trata dun camiño cara ao desenvolvemento até as que defenden que o traballo informal non é máis que outra palabra para designar o desemprego.

Política "ás ordes da economía"

O relatorio Está a política ao servizo dos cidadáns ou ás ordes da economía?, de Arcadi Oliveres, onde se analizou o papel do Estado na vida económica, valorando os niveis de participación política e de democracia, pechou a xornada.

"Actualmente, o saldo que os bancos deben aos seus gobernos e de 2,7 billóns de dólares. Se o principal problema no mundo é o da fame, e fan falla 50 mil millóns, e os gobernos no seu momento dixeron que non tiñan tales cantidades de diñeiro, fica clara cal é a posición que toman", apuntou Oliveres, que repasou ademais os grupos de presión que determinan o futuro dos estados.

Derradeira xornada

Este venres, derradeira xornada, Andrés de Francisco con Mans invisíbeis ou cidadáns soberanos? Do mercado á política; a mesa redonda Traballo e movemento sindical con Dionisio Pereira e Bernardo Maiz e a sesión de clausura a cargo de Xosé Manuel Beiras pechan esta edición da Semana de Filosofía.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: