O galego, "como lingua propia de Galiza e como variedade recesiva" debe ser o idioma "primeiro e principal" do currículo, consideran.
"O novo Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia fará imposíbel, desde un punto de vista estritamente pedagóxico, dar cumprimento ao previsto na lexislación educativa sobre competencia lingüística".
O Movemento de Renovación Pedagóxica, Nova Escola Galega alertou do perigo de conformar dúas sociedades en razón de lingua nunha súa valoración sobre a norma que será debatida estes días polo plenario do Consello Escolar.
"A normativa proposta despreza absolutamente toda a armazón lexislativa construída ao longo de tres décadas, en especial o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego en 2004", aseguran desde o colectivo.
Consideran, ademais, que "o feito de que as Matemáticas deban deixar de impartirse en galego converte en papel mollado o estabelecido no Plan Xeral de Normalización sobre esta materia, pois nel, textualmente, estabelécese que se tenderá a que entre as materias que se impartan en galego figuren as Matemáticas e a Tecnoloxía".
Nova Escola Galega lembra tamén que o galego, "como lingua propia de Galicia e como variedade recesiva" debe ser o idioma "primeiro e principal" do currículo, o "centro de gravidade do sistema", tal e como "reiteradamente recollen as leis, as sentenzas e a propia pedagoxía".
"Tratamento aparentemente igualitario"
Ao respecto do "tratamento aparentemente igualitario" diante de realidades lingüísticas "moi desiguais no seu carácter, desenvolvemento, presenza social e problemática", só pode traer como consecuencia "un maior retroceso para a lingua galega e a conformación de dúas sociedades diferenciadas por razón de lingua".
É por iso que desde Nova Escola Galega reiteran o seu chamamento ás familias galegas para que "eviten que os seus fillos e fillas se vexan privados da oportunidade de acadar a debida competencia lingüística, tamén en galego".
Por outra banda, o colectivo mostrou o seu apoio á concentración de Queremos Galego prevista para esta cuarta feira, coincidindo coa reunión do Consello Escolar de Galiza, onde se analizará o borrador do decreto.