O embaixador portugués no Estado Español, Álvaro Mendonça e Moura, salienta a importancia estratéxica do comercio co noso país.
Galiza é un mercado estratéxico para Portugal. Así o recoñece este luns o embaixador portugués no Estado Español, Álvaro Mendonça e Moura, nunha nova que leva o Jornal de Noticias á súa portada. A pesar de que en 2009 as exportacións lusas cara ao Estado Español descenderon un 21,3%, Galiza revelouse como o mellor cliente das empresas portuguesas que venderon no noso país máis de 1.500 millóns de euros en produtos ao longo de 2009. Mendonça e Moura non repara á hora de subliñar importancia do mercado galego: “Exportamos máis para Galiza que para Estados Unidos”.
No que respecta ás exportacións dende o Estado Español cara a Portugal, Galiza non é a comunidade que máis negocio fai co país veciño. Cataluña (3.460 millóns) e Madrid (2.346) superan ao noso país, que aínda así facturou o ano pasado 2.039 millóns demandados dende Portugal.
O embaixador portugués explica que a estratexia a medio prazo ten que pasar por unha maior relación directa coas comunidades autónomas.