Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polo financiamento de 'espectáculos taurinos'

'Galicia, mellor sen touradas' chama á "rebelión fiscal" en Padrón

"O Concello non ten autoridade moral para obrigar os cidadáns a pagar impostos, cando este non cumpre coa lexislación de protección e benestar dos animais", din.

Redacción - 11:05 03/04/2010
Un outro cartaz anunciante

Un outro cartaz anunciante

"O Concello de Padrón non ten autoridade moral ningunha para obrigar os cidadáns a pagar impostos, cando este non cumpre coa lexislación de protección e benestar dos animais; leis con 17 anos de percorrido, e xamais cumpridas por este municipio", afirman desde 'Galicia, mellor sen touradas'.

O colectivo, nun comunicado asinado polo seu portavoz, Rubén Pérez, chamou os cidadáns do municipio á rebelión fiscal, dado que en Padrón se organiza todos os anos un 'festexo taurino' "para o que dispón diñeiro das arcas públicas, e despois alega non ter orzamento algún para cumprir coa lexislación".

Este sábado e domingo, a partir das 17.00 horas, desenvolveranse na localidade dous destes 'festexos' dentro das Festas de Pascua. O prezo da entrada é de 15 euros o primeiro día, e de 10 euros para o segundo, e están organizados pola empresa Coso Redondel Taurino, segundo informan webs especializadas.

A plataforma explica no comunicado que o Decreto 153/98 especifica que son os concellos ou os entes supramunicipais os encargados de recoller e atender os animais abandonados até o seu sacrificio ou a súa adopción, "requirimentos aos que a corporación nin se achega".

Neste senso, 'Galicia, mellor sen touradas' pídelle á cidadanía que como medida de presión “se rebele” á hora de pagar os impostos municipais, e que presenten as súas queixas ante o rexistro municipal, fórmula denominada como "pago baixo protesta", indica.

A desobediencia ou obxección fiscal é unha fórmula de protesta utilizada cando se está en desacordo coa natureza da entidade recadadora ou os fins aos que se destinarán eses cartos, e que "é unha estratexia vinculada a razóns de conciencia, como o caso da oposición á tauromaquia".

Queixa aceptada polo Valedor
Ademais, sinalan que o Valedor do Pobo admitiu a trámite a súa queixa e da asociación Libera contra o Concello de Padrón, por incumprir a Lei 1/93 de Protección Animal. "Recolle o incumprimento de até media ducia de artigos" por parte do municipio.

Chegado o caso, Padrón converteríase no primeiro concello do país sancionado "por non dispor de servizo de lacería e de acollida de animais abandonados".


4,65/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: