Analizado o treito 2000-2006, un estudo advirte do frouxo aproveitamento real dos cartos chegados da UE.
A progresiva mingua de poboación en Galiza con respecto ao conxunto do Estado aparece como explicación fundamental da presunta converxencia do PIB per cápita galego respecto da media estatal. É o que os investigadores definen como converxencia "pasiva". Así o recolle a análise do último número da revista económica da Fundación das Caixas de Aforros (FUNCAS) titulado "Fondos Estruturais e Converxencia Rexional". A publicación inclúe un informe específico sobre Galiza, elaborado por Xosé Francisco Armesto e Santiago Lago, profesores da Universidade de Vigo, onde debullan o impacto dos fondos europeos no país entre 2000 e 2006.
Sinalan os analistas que malia o crecemento económico dese indicador puntual, o PIB, durante un período de forte inxección de fondos europeos, mantéñense importantes diferencias tanto nos niveis de renda por habitante como en indicadores relacionados coa I+D, os niveis educativos ou o mercado laboral. E todo iso, lembremos, no chamado terceiro período de programación europea, onde Galiza foi no conxunto do Estado a segunda comunidade autónoma no ránking de ingreso de fondos estruturais, con 3.581 millóns de euros. A eficacia na aplicación concreta deses fondos queda en cuestión á luz do estudo de FUNCAS, dubidando sobre a estratexia de desenvolvemento impulsada polas administracións nese tempo malia contar con esa inxección extra de recursos.
Non se priorizou estratexicamente
Xosé Francisco Armesto e Santiago Lago censuran en primeiro lugar o que cualifican de política de "choiva fina", en referencia ao xeito de "desparramar" cartos entre un feixe de beneficiarios sen discriminar nin entre o potencial de cada un nin entre os seus resultados. Para os dous economistas, o criterio debera ser apostar "de xeito decidido" por unha política selectiva e incentivadora que se fixe en sectores e liñas de innovación co maior potencial. "Canto menor é o tamaño dun país máis necesaria se fai a súa opción por especializarse e concentrar a súa produción en poucos sectores", advirten.
Cara ao futuro recomendan que os esforzos públicos se centren na I+D+i, en formación ou en comercialización, nas empresas integradas nos principais clusters con potencial exportador. Animan tamén a que os apoios financeiros se apliquen como panca para favorecer o gasto privado, recordando que isto é habitualmente garantía de rendabilidade. Doutra banda, advirten tamén da necesidade de deseñar mecanismos de control e seguimento do gasto público que aseguren que se está avaliando "se o esforzo pagou a pena" e que sirvan para reformular os programas se se demostra que non cumpren cos obxectivos.
Internacionalización, portos, I+D e eurorrexión
Potenciar o sistema portuario, estimular a internacionalización, incrementar o esforzo en I+D+i e fomentar o protagonismo da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal son os outros catro eixos destacados polos investigadores.
O Estudo subliña que Galiza "non é territorio periférico cando se observa desde o mar" e insiste na posición privilexiada de Galiza neste sentido. Na opinión de Armesto e Lago, os principais portos galegos e as dúas áreas metropolitanas "funcionais" que abarcan, no contorno Pontevedra-Vigo e A Coruña-Ferrol, deben ser espremidas como motores económicos do país. A diversificación do contido e destino das exportacións e a penetración das empresas galegas en sectores "non maduros" é outra meta estratéxica pola que pular. Un terceiro eixo destacado, "aínda que soe a tópico", advirten, é apostar de verdade polo incremento do esforzo en I+D+i e formación, estimular a transferencia de I+D desde os centros de investigación, fomentar a implicación empresarial e garantir unha conexión directa e eficaz coas necesidades do tecido empresarial.
O cuarto eixo, sinalan, é tomar conciencia de que "Galiza duplica a súa dimensión demográfica e económica cando se integra na Eurorrexión que forma co Norte de Portugal". O maior grao de autonomía política e económica desta beira do Miño amosa que Galiza que debe ser "líder obrigado de iniciativas conxuntas", recomendan.