Os candidatos á reitoría viguesa continúan a exposición das súas prioridades para o redeseño da institución universitaria.
Salustiano Mato achegou este xoves a súa proposta de estrutura de equipo e liñas de programa da plataforma Alternativa Universitaria, que lidera cara ás eleccións do próximo 20 de maio. A candidatura contempla a organización en 10 carteiras, unha menos respecto ao esquema actual, sendo dúas destas vicerreitorías específicas para o campus de Ourense e unha delas exclusivamente adicada á promoción investigadora no contorno da cidade ourensá.
En detalle, serán as vicerreitorías de planificación e economía, investigación, transferencia do coñecemento, títulos, organización académica e profesorado, alumnado, docencia e calidade, relacións internacionais, extensión universitaria, campus de Ourense, investigación e transferencia do campus de Ourense e campus de Pontevedra. Como eixos estratéxicos de programa, Mato salientou os obxectivos da "modernidade, calidade e internacionalización" como bases sobre as que construír o futuro da institución. Entre as novidades do programa de Salustiano Mato está a creación dun apartado específico de áreas transversais: igualdade, lingua, desenvolvemento sostíbel e internacionalización.
Cabeza critica o perfil "político" de seu rival
"Vaise escoller entre un político que quere outro cargo e un profesor que aspira a dirixir durante catros anos esta universidade", afirmaba á súa vez esta mesma semana Xaime Cabeza, o candidato da plataforma Nova Universidade. Cabeza, á fronte da actual plataforma opositora, critica o balance dos últimos anos na institución acusando o goberno vixente de atender só "a unha minoría". Por outro lado, o recorte de gastos e redeseño de investimentos e unha das prioridades manifestadas por Cabeza que propón ao respecto, entre outros, a supresión das vicexerencias.