'Galicia, Mellor Sen Touradas' critica os patrocinadores que nos seus programas de responsabilidade social corporativa inclúen financiamento a 'espectáculos taurinos'
As touradas son tortura, din
Gadis, Telefónica, Coca-Cola ou El Corte Inglés son algunhas das empresas que a plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' sinalou como corporacións con mala praxe empresarial por ter entre os seus programas de responsabilidade social corporativa (RSC) a colaboración ou financiamento de 'espectáculos taurinos'.
Para o colectivo antitaurino, "a Xunta errou na súa política de procura de patrocinios ao preferir o diñeiro a un verdadeiro compromiso social". Exemplos non faltan, din: compañías como Gadis colaboran economicamente coa organización da feira taurina da Coruña; El Corte Inglés ofrece o seu soporte telemático e presencial de venda de entradas; e Telefónica recentemente anunciou o seu apoio á creación dun instituto de estudos taurinos.
"É como se unha empresa implicada na venda de armas tentara patrocinar un evento sobre Dereitos Humanos. Non se pode fomentar respecto e o ano santo martirizando animais", sinala Rubén Pérez, voceiro de Galicia, Mellor Sen Touradas, que engade que o seu socio CAS-International lle reprochou á multinacional francesa Pernod-Ricard o seu patrocinio de 'festexos taurinos', "enviándolle 300 mil postais".
Rexeitamento entre os turistas de fóra do Estado
Os abolicionistas consideran necesario avanzar en políticas empresariais "que primen o respecto cara aos animais e o entorno", como fan xa algunhas entidades bancarias, que non financian colectivos ou actividades relacionadas coa tauromaquia.
Por este motivo cren "imprescindíbel" que no futuro, os responsábeis do Xacobeo modifiquen o sistema de captación de patrocinios, para evitar que a presenza de certas empresas xere rexeitamento entre os turistas de fóra do Estado, "moi concienciados coa relación entre empresa e tauromaquia, pois nos seus países estes espectáculos adoitan estar prohibidos", advirte Pérez.