Os nacionalistas sosteñen que a medida que entrará en vigor nos vindeiros meses dificultará a recuperación económica e prexudicará as clases medias e baixas.
Xosé Manuel Pérez Bouza, do BNG
O BNG non comparte a intención do goberno español de subir o IVE dous puntos (do 16 ao 18%) a partir do vindeiro mes de xuño. Os nacionalistas subliñan que esta medida, que segundo o executivo de Rodríguez Zapatero servirá para manter as prestacións sociais, acabará sendo prexudicial para o consumo e dificultará a saída da crise económica.
Nunha iniciativa presentada por Xosé Manuel Bouza no Senado, proponse deixar sen efecto a medida prevista e poñer en marcha outras reformas para garantir novos ingresos. Así, dende o Bloque defenden que é máis xusta uns novos tramos no IRPF para as rendas máis elevadas ou a recuperación do Imposto sobre o Patrimonio, que segundo os nacionalistas podería reportarlle ás arcas do Estado 1.800 millóns de euros anuais.
Pola contra, alerta de que a suba xeralizada do IVE vai ter un efecto moi negativo para os salarios medios e baixos e, sobre todo, para os pensionistas. A iniciativa debaterase o vindeiro martes. Bouza sostén que o goberno tamén se debería concentrar na loita contra o fraude fiscal que "acada proporcións escandalosas". Dende o BNG insisten en que propoñen "algo razoábel" e agardan contar coa maioría dos senadores.